Feijóo combate a suba do IVE rebaixando os impostos sobre a vivenda

Feijóo combate a suba do IVE rebaixando os impostos sobre a vivenda

18 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

“Outros suben os impostos e nós baixamos os impostos”, anunciou á saída do Consello da Xunta o presidente Feijóo antes de concretar a súa proposta de rebaixa fiscal para compensar a suba do IVE decretada polo Goberno do Estado. O Executivo autonómico terá listo antes dun mes un proxecto de lei que contempla reducións en varias taxas relacionadas co sector inmobiliario.

“É o momento de adquirir unha vivenda en Galicia malia o próximo incremento do IVE”. Con esta arenga quixo por en valor Núñez Feijóo o impacto do seu plan de rebaixa fiscal para a adquisición de vivenda e tramitación de hipotécas que beneficiará a 30.000 familias segundo os cálculos da Xunta.

O Goberno galego contempla cinco actuacións: renuncia a adaptar á suba do IVE o imposto de transmisións patrimoniais; rebaixa entre o 25 e o 30 por cento o importe do imposto de actos xurídicos documentais para a adquisición de vivenda nova; formula o mesmo desconto no imposto correspondente para a firmalización de préstamos hipotecarios; descontará o 15 por cento no imposto que grava a rehabilitación de vivenda; e, finalmente, exime do pagamento do imposto de actos xurídicos documentais a todos os que decidan pasar a súa  hipoteca a outra entidade bancaria. Feijóo afirmou que o gasto da Xunta para permitir todo isto compensarase mediante outros impostos e a maior actividade económica.

Ademais, o gabinete autonómico aprobou un aval de máis de 2 millóns de euros para o plan de viabilidade da cooperativa láctea Feiraco; o investimento de 13 millóns para a construción do Auditorio de Lugo; e a ampliación nun 7 por cento, ata un millón e medio de euros, das axudas ás mulleres vítimas de violencia de xénero. En relación co Xacobeo, Feijóo anunciou que se habilitarán 32 albergues temporais no Camiño e avanzou a creación dunha comisión de traballo para a visita do Papa Benedito XVI a Santiago para satisfacer “todo o que requira a Igrexa”.

Institucional