Feira rural de San Sadurniño con concurso de froitas

Feira rural de San Sadurniño con concurso de froitas
22 de Agosto, 2022 - 07:41 h. | Publicada por Radio Fene

Un concurso de froitas acompañará a Feira Rural de San Sadurniño o vindeiro sábado 27 de agosto. Queren promocionar a recuperación das variedades autóctonas.

 

Fotografía: Cesar Galdo

O concurso da froita autóctona non é a única actividade relacionada coa difusión do noso patrimonio vexetal. A AGFA do Eume programou dúas visitas guiadas á horta de froiteiras Carlos Fornos, unha ás 11:30h que leva asociado un obradoiro de técnicas de enxertado e outra ás 17:30h na que tamén se tratarán as podas de verán. As inscricións haberá que facelas no posto de información do Concello.

Cómpre sinalar que o programa infantil desta edición da Feira Rural tamén está vinculado coa froita, xa que ás 12:00h e ás 17:30h van desenvolverse dous talleres para a rapazada nos que prepararán lambetadas sás e saborosas empregando mazás, peras, pexegos e outras pezas, preferentemente de castes do país. Para anotarse é necesario pasar tamén polo posto de información do Concello ata uns minutos antes do comezo de cada quenda.

Dentro da promoción do potencial de desenvolvemento socioeconómico que ten o rural, a feira significará a posta de longo oficial do Centro de Transformación A Fusquenlla, situado en Moeche. Alí xa se levaron a cabo dous cursos sobre técnicas de conservación de horta e froita nos que se produciron os primeiros lotes de produto, principalmente marmeladas, pezas confeitadas en almibre, zumes e conservas de horta.

O sábado 27 poderemos probar algunhas das delicadezas elaboradas e informarnos sobre como entrar formar parte deste proxecto colaborativo que nos ofrece os medios e a formación necesaria para dárlles aos excedentes da terra -e ao mel- un maior valor engadido. Pódese ampliar información na súa  web: afusquenlla.gal.

Fotos do concurso da froita de 2021 (César Galdo)

Institucional

Publica o teu comentario agora