Fene comprométese a mellorar Vilar do Colo

Fene comprométese a mellorar Vilar do Colo

04 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Corporación de Fene aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG destinada a mellorar a área industrial de Vilar do Colo. O portavoz, Manuel Polo, defendeu que se poña en funcionamento dunha vez por todas o Ente de Conservación do polígono e que a Xunta de Galicia asuma a propiedade do principal vial que atravesa a área industrial, a avenida de Astano.

Unanimidade no pleno de Fene por mellorar o polígono de Vilar do Colo. Esa vai ser a misión á que se comprometeu a corporación. Duas liñas centrais encerra a iniciativa dos nacionalistas para mellorar esa área industrial que comparte Fene con Cabanas:

1º que se poña en funcionamento dunha vez o Ente de Conservación porque xa hai catro anos que se aprobaron os seus estatutos. Manuel Polo lembrou que formarían parte del diferentes inquilinos do polígono así como os propios concellos de Fene e Cabanas. Desa maneira estarían pendentes a cotío das necesidades de mantenemento da área industrial.

2º Chegar a un acordo coa Xunta de Galicia para que tome como seu o vial principal, a Avenida de Astano que une a via rápida que por lado vai a Mugardos e polo outro ás Pontes. O vial de case 2 quilómetros non ten carácter de uso local e ademais actualmente está dividida a sua propiedade  xa que unha beira é de Cabanas e outra de Fene. Se se transfire á Xunta sería un único ente, o autonómico, o que se encargaría do seu mantenemento. Todolos grupos recoñeceron o deterioro deste vial. O BNG aínda demanda na moción que a concesionaria da AP9 amañe os baches do acceso á autopista dende o polígono.
O alcalde, Iván Puentes, informou que el mesmo se reuniu co Director xeral de estradas coa intención de que asumise a Avenida de Astano no polígono. Todos os grupos respaldaron a iniciativa onte á tarde no pleno fenés.    

Sociedade