Fene: minuto de silencio pola muller asasinada en Cabanas

Fene: minuto de silencio pola muller asasinada en Cabanas

06 de Setembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Un minuto de silencio en recordo de Elisa Mª Abruñedo, a  muller asasinada no concello de Cabanas hai uns dias. Así comezou o pleno da corporación fenesa que ratificou os festivos locais do ano 2014 e que serán como sempre o 6 de agosto e o mércores de cinza. O BNG presentou unha moción urxente contra a intervención dos EEUU en Siria, rexión estratéxica para eles e para Israel, segundo defendeu o voceiro nacionalista, Manuel Polo

A proposta do BNG aprobouse cos votos dos grupos da oposición e a abstención do PP . Compromete  ao concello de Fene a apoiar os actos que se organicen contra a guerra.
Á saída do pleno, o edil do BNG, Juventino Trigo, criticaba a falta de contido do pleno e engadía que o PP funciona arrastrado polas iniciativas da oposición, en gran medida do Bloque.

A portavoz do PP, Rocío Bértoa, declarou que o seu grupo non entra a debater temas que non inflúen na vida municipal, en referencia ás mocións que os partidos politicos levan aos cocnellos sobre asuntos políticos de índole xeral.

O apartado de rogos e preguntas foi o único que suscitou certo debate. O PSOE presentou 20 pero quizás as relacionadas coa hostelería foron as máis incisivas. O PP revisará a ordenanza de terrazas trala insistencia de Iván Puentes de que durante o inverno non se debe obrigar aos establecementos a retirar toldos e tarimas.

En resposta ao BNG, que preguntou polos problemas na vía do tren ao seu paso por Fene e esixíu unha limpeza en todo o seu percorrido polo concello o alcalde, Gumersindo Galego,  confirmou que a semana próxima manterá unha entrevista cun enxeñeiro de ADIF.

A concelleira de EU, Mª Carmen Martínez, interesouse por unha serie de roubos que, segundo denunciaron  veciños do barrio,  se están producindo nos pisos de San Valentín polas tardes, un asunto que acordóu trasladar á policía local para que realice un informe.

Sociedade