Fene prepárase para recibir a turistas e visitantes

Fene prepárase para recibir a turistas e visitantes

26 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Coincidindo coas vacacións da Semana Santa, a Caseta de Turismo  de Fene abre as súas portas ate o vindeiro 5 de abril, en horario de dez a dúas, polas mañáns, e de cinco a oito, polas tardes. O punto de información turística de Fene está ubicado na coñecida como “curva do mercado”, na Avenida Naturais, perto da Casa do Concello.

Por primeira vez, a axencia “Cumio Viaxes”, de Narón, faise cargo da Caseta de Turismo de Fene. O seu responsable, Tino Rodríguez, asegurou a Radiofusión que “este punto de información turística pretende ser un lugar de encontro para a xente que ten inquedanzas por coñecer a comarca, non só turistas, senón tamén para os propios veciños da zona”.

Ao longo da Semana Santa, dende a Caseta de Turismo de Fene ofrecerase, sobre todo, información do propio concello e da comarca. “Temos a sorte de contar perto de nós con sitios impresionantes para pasar unha boa tarde desfrutando da paisaxe, camiñando ou, simplemente, participando en calquera dos grandes acontecementos sociais e culturais que se producen na comarca”, afirma Tino Rodríguez. De cara ao verán, engade, “procuraremos ofrecer algo máis ca o que temos nos simples papeis”.

Para Tino Rodríguez, “a comarca de Ferrolterra é moi rica en recursos turísticos pero está pouco explotada”. Neste senso, o responsable da Caseta de Fene, aposta por facer un plan global de turismo co que se poidan beneficiar todos os concellos da bisbarra.

Sociedade