Fene renova o mobiliario do centro urbano

Fene renova o mobiliario do centro urbano

12 de Xaneiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene instalou nos últimos meses o novo mobiliario urbano nas principais vías de comunicación do casco urbano do municipio, como son as Avenidas Naturais e Marqués de Figueroa. Unha actuación que buscou humanizar o espazo público e ampliar os servizos dispoñibles para a veciñanza. Por outro lado, as obras de aglomerado en dous viais de Limodre, acometeranse no primeiro trimestre deste ano.

O edil Juan José Franco, explicou que o Concello procedeu á instalación de cinco maceteiros coa doble funcionalidade de papeleira, así como catro bancos para uso dos veciños, neste último caso, en diferentes parroquias do municipio. Ambos elementos, cun coidado deseño acorde ao entorno de ubicación. Os maceteiros-papeleira realizados en aceiro inoxidable e, os bancos, en madeira tratada e forxa. A inversión ascendeu a uns 4.000 euros e foi financiada ao 100% pola Deputación provincial da Coruña.

Camiños de Almieiras e Campanario

O concello de Fene executará no primeiro trimestre do ano as obras de aglomerado dos camiños de Almieiras e do Campanario, ubicados na parroquia de Limodre. A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación dos traballos, que permitirán o acondicionamento integral dunhas vías hoxe en día moi deterioradas. No caso do camiño de Almieiras, a intervención custa 84.754 euros e o Campanario, 38.762 euros. En total, 123.516 euros que cofinanciarán a Deputación provincial da Coruña (o 80%) e o Concello (o 20% restante). 

As obras, que contan cun prazo de execución de mes e medio, estarán concluídas no primeiro trimestre do ano. Despois da adxudicación, ábreuse un prazo para presentar posibles alegacións e para que a empresa adxudicataria presente a documentación pertinente.

Sociedade