Fernán Esquío e Fernando de Lago

Fernán Esquío e Fernando de Lago
19 de Abril, 2021 - 01:15 h. | Publicada por Radio Fene

A investigadora italiana Fernanda Torriello estudou en profundidade a obra do trobador de Neda Fernando Esquío. O poeta viviu a finais do século XIII. Torriello baralla a identificación de Fernando de Lago e Fernando Esquío como unha única persoa, segundo apunta o profesor Martinho Montero. 

ESCOITA O PODCAST:
Martinho Montero Santalha en Radio Fene

A familia Lago é a que ergueu o Pazo de Barallobre en Fene.  A construción rematouna Fernando de Lago e Obaña en 1591. O seu fillo, o sarxento maior, Lanzarote de Lago, faleceu en 1626. A familia do Pazo tiñan o dereito de presentación do cura da parroquia. Exercíano de xeito alternativo co bispado de Santiago. O escudo desta familia recuperouse e na actualidade está colocado no Instituto de Ensino Secundario de Fene.

Carvalho Calero di que a hipótese de identificar Fernando de Lago e Fernán Esquío na mesma persoa, non parece moi probable. Os Lago e os Esquío eran na época medieval en Ferrol e Neda dúas familias diferentes. As dúas familias consérvanse ben documentadas. 

Nacenza e corazón
Son ferrolán de nacenza e de corazón, dicía Ricardo Carvalho Calero. O escritor tamén salientaba a importante e profunda aportación de Ferrol ás Letras Galegas. Carvalho Calero falaba dos trobadores medievais Fernán Esquío e Fernando Lago como as primeiras aportacións de Ferrol ás Letras Galegas. Carvalho Calero pronunciou a súa conferencia sobre a aportación de Ferrol ás Letras Galegas en marzo de 1985 na aula de cultura de Caixa Galicia na rúa Galiano de Ferrol. Organizou a sociedade cultural Medulio.

 

Fotografía de Xan Xe Corral: Martinho Montero Santalha en Radio Fene

Cultura

Publica o teu comentario agora