Ferrol anima a hostalería con consumicións a 1 euro

Ferrol anima a hostalería con consumicións a 1 euro

04 de Xuño, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Ferrol pon en marcha a iniciativa "O xoves nos vemos" dirixida a dinamizar o sector hostaleiro da cidade. Os bares, restaurantes e mesóns que participen ofrecerán aos seus clientes unha consumición e un pincho por 1 euro.  A proposta levarase a cabo dende o 14 de xuño até o 5 de xullo e, xunto coa exaltación gastronómica, haberá actuacións musicais ao ar libre en diferentes zonas da cidade.

É a Concellería de Turismo en colaboración coa Asociación de Empresarios de Hostalería, quen pon en marcha a nova iniciativa encamiñada a dinamizar este sector na cidade. Nesta ocasión, a proposta leva por nome “¡O xoves nos vemos!”, e consiste en que os establecementos de hostalería que se apunten ofrecerán aos seus clientes unha consumición máis un pincho  a 1 euro.
A experiencia levarase a cabo os xoves do 14 de xuño ao 5 de xullo, a partir das 20.00 horas e ata a hora de peche dos locais. Ademais, cada xoves haberá exaltación gastronómica en distintas zonas, amenizadas con actuacións ao ar libre de baile e canto de agrupacións locais. As distintas zonas son:

Xoves, 14 de xuño: bares e restaurantes do porto até a rúa San Francisco, Herrera, Amboaxe, r/ María, r/Sol, r/Magdalena (até a praza de Armas). Actuación musical na praza de Amboaxe.
Xoves, 21 de xuño: locais da r/Sol, r/Magdalena, r/ María (desde a praza de Armas cara arriba), r/ Pardo Baixo e Esteiro. Atuación na praza da Constitución.
Xoves, 28 de xuño: Zona de Ultramar. Actuación: praza de Ultramar.
Xoves, 5 de xullo: Catabois. Actuación no entorno da estrada de Catabois nun lugar que determinarán os hostaleiros da zona.

O pincho será libre, a decisión de cada hostaleiro.  Os hostaleiros que desexen participar en “¡O xoves nos vemos” deben  facer unha solicitude de participación dirixida á Concellería de Turismo e entregala no Rexistro Municipal do Concello. O prazo estará aberto até o vindeiro día 8 de xuño.

Sociedade