Ferrol conmemora o Día Mundial do Parkinson

Ferrol conmemora o Día Mundial do Parkinson

12 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Sensibilizar aos enfermos para que tomen conciencia da axuda que lles pode prestar a entidade e se acheguen a ela. É un dos obxectivos que persegue a Asociación Parkinson Ferrol coa conmemoración do Día Mundial adicado a esta doenza.

O parkinson é unha enfermidade progresiva e incurable. Segundo a presidenta de Parkinson Ferrol, “éste é o motivo de que os enfermos pensen que non teñen nada que facer e de que, incluso, nun primeiro momento, tenten ocultar a súa doenza”. Nunha entrevista en Radiofusión, María Luísa Muíños asegurou que os enfermos de parkinson son moi reacios a acudir á asociación “porque lles da vergoña” pero, cando o fan, “non se arrepinten”.

Amais de ser un lugar de encontro para os afectados por esta patoloxía e os seus familiares, a Asociación Parkinson Ferrol ofrece na actualidade aos seus socios unha serie de servizos como fisioterapia, logoterapia e atención psicolóxica. O obxectivo é “tentar evitar que a enfermidade avance a pasos axigantados, ademais de axudar aos enfermos a mellorar a súa calidade de vida e a comprender o que lles pasa”.

A celebración do Día Mundial do Parkinson comezou o pasado domingo cunha cuestación popular realizada en distintos puntos da cidade para recaudar fondos para a entidade. A presidenta de Parkinson Ferrol, María Luísa Muíños, valorou moi positivamente a resposta e aportacións realizadas polos veciños de Ferrol. Tamén lembrou que os actos continuarán o vindeiro mércores cunha conferencia sobre a enfermidade no Centro Cultural Carvalho Calero. A charla correrá a cargo da enfermeira Sonia Delgado.

Sociedade