Folla de ruta para o outono da Asociación de Empresarios de Muimenta

Folla de ruta para o outono da Asociación de Empresarios de Muimenta

17 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Asociación de Empresarios de Muimenta presentou o seu plan de actividades para este outono. O colectivo elaborou un programa de reunións con diferentes institucións autonómicas para abordar os temas de interese para as súas ocupacións e a cidadanía desta área chairega. Ademais, anunciou varias campañas para involucrar ao seu tecido social en cuestións como a formación ou a hostalería.

Onte mércores púxose punto final ao módulo I do programa “Tempo de Mulleres”, que se levou a cabo nas oficinas do Recinto Feiral “Manuel Vila López” en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade. Esta formación pretendía abordar a necesidade de fomentar a participación das mulleres na vida social, política e cultural do seu entorno. Desde a Asociación non descartan continuar con novos módulos, que se solicitarán para o curso 2010.

 

 

Ademais, esta institución empresarial apuntouse no programa da Deputación de Lugo “Kilómetro 0”. Esta iniciativa pretende amosar ao medio ambiente como unha boa oportunidade económica para o país, mediante a creación dunha serie de rutas pola provincia que inclúen a realización de actividades de multiaventura, como campamentos, cabalos, BTT ou deportes náuticos. Desde a Xunta Directiva informouse de que a oferta existente será presentada aos seus asociados nos vindeiros meses.

 

Por outro lado, tamén se estableceu o programa de reunións para o último trimestre do 2009. Comezarase cunha xuntanza con representantes do Instituto Galego da Vivenda e Solo en Lugo, para coñecer o estado actual da ampliación do Polígono Industrial de Muimenta. Así mesmo, remitiuse un escrito ao Xefe Territorial da Consellería de Facenda na provincia, co obxectivo de ofrecer aos socios deste colectivo unha charla informativa sobre a nova Lei galega 9/2008 de Sucesións e Doazóns, con especial atención ao que respecta aos colectivos que se engloban na Asociación e que modificaron a súa tributación desde a aprobación da devandita Lei. Igualmente, se solicitou unha charla informativa á Xefatura Territorial en Lugo da Consellería de Sanidade sobre o gripe A, que debe incluír información para a cidadanía, consellos para evitar o contaxio, etc.

 

En canto á formación, levarase a cabo un curso de prevención de riscos laborais e outro de inglés. Ambos os dous se poderían levar a cabo antes de que remate o presente ano.

 

Se ollamos ao resto de actividades, en primeiro lugar e debido á boa acollida entre os veciños de Muimenta e ao éxito do Concurso de Tapas que tivo lugar en agosto, a Asociación desenrolará unha nova edición. Este II Certame está programado para os vindeiros 7 e 13 de decembro. Para a súa organización e para intentar mellorar algúns dos seus aspectos está previsto un calendario de reunións cos hostaleiros do pobo nos próximos meses.

 

Xa por último, o pasado martes 15 de setembro tivo lugar unha reunión, nas oficinas do Recinto Feiral “Manuel Vila López”, entre a Xunta Directiva e parte dos socios do colectivo para darlle forma á campaña de Nadal que esta Asociación quere poñer en marcha. Finalmente, decidiuse que terá lugar entre o 1 de decembro do 2.009 e o 5 de xaneiro do 2.010. A principal novidade reside na creación duns talonarios de rifas a disposición dos empresarios para que agasallen con cada compra superior a dez euros. O gañador, que será o que o número da súa papeleta coincida cos catro últimos números do primeiro premio do sorteo de reis que se celebra o seis de xaneiro, recibirá como premio un vale por valor de cincocentos euros (500,00 €) a gastar antes do 31 de xaneiro nos negocios pertencentes ao colectivo.

Sociedade