Formación para o emprego

Formación para o emprego
20 de Outubro, 2023 - 05:15 h. | Publicada por Radio Fene

Fene volve colaborar cos concellos de Ares, Mugardos e Cabanas na oferta de formación para cualificar á xente moza. Presentado o Obradoiro de Emprego de Garantía Xuvenil Inicia VII. O obxectivo é lograr que mozos e mozas dos catro concellos adquiran habilidades e obteñan a certificación necesaria para poder integrarse no mundo laboral, segundo explicou en Radio Fene o alcalde, Juventino Trigo.

ESCOITA O PODCAST:

O alcalde, Juventino Trigo, xunto cos de Ares, Mugardos e Cabanas e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presidiron este mediodía, na Casa do Concello de Fene, o acto de presentación do Obradoiro de Emprego de Garantía Xuvenil Inicia VII que tivo lugar na Casa do Concello de Fene. “Fabricación de montaxe de instalacións de tubaxe industrial” é o oficio deste obradoiro de emprego e formación para o que foron seleccionados 16 alumnos e alumnas traballadores. Na presentación tamén estiveron presentes a directora e os catro docentes do obradoiro. 

Inicia VII é un programa mixto de emprego e formación que ten como finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, “mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo”. O programa está subvencionado pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, por un importe que ascende a 424.836,96€, e conta co apoio financeiro da Unión Europea a través do FSE+ e do SEPE, a través do Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

Cunha duración dun ano -comezou o pasado 9 de outubro e finalizará o 9 de outubro de 2024- este novo Obradoiro de Garantía Xuvenil tamén reportará beneficio aos concellos participantes xa que dentro da súa formación práctica, o alumnado realizará as seguintes actuacións:

    - En Fene: Substitución e colocación de varandas nas escaleiras de prolongación da rúa Tellerías (San Valentín) e instalación de pasamáns laterais e dunha varanda central nas gradas do pavillón polideportivo da Xunqueira (San Valentín).  Achega do Concello: 8.930€.

    - Ares: Pasamáns e varandas para separación dos banquillos e zona técnica do campo de fútbol Prados Vellos e para separación da beirarrúa coa rotonda de acceso ao casco urbano de Ares, no cruce da Avda. De Redes e a rúa Porta do Sol. Aportación do Concello: 3.370€

    - Mugardos: Protección de colectores do lixo. Aportación do Concello: 6.000€

Desde o inicio da súa participación no obradoiro dual de emprego, os 16 alumnos/as traballadores/as son contratados pola entidade promotora para a formación e aprendizaxe, polo que perciben unha retribución equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional, incluída a parte proporcional dunha paga e media extraordinaria. E, ao remate do programa, terán o Certificado de Profesionalidade de Fábrica e Montaxe de Instalación de Tubería Industrial e estarán capacitados/as para continuar traballando de caldeireiro/a-tubeiro/a, tubeiro/a industrial ou tubeiro/a naval.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora