Gómez Noya logra o subcampeonato do mundo de triatlón

Gómez Noya logra o subcampeonato do mundo de triatlón

12 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O galego Javier Gómez Noya proclamouse este sábado subcampeón do mundo de triatlón en Gold Coast (Australia), onde o mozo británico Alistair Brownlee, de 21 anos, conquistou o seu primeiro título tras culminar con pleno de vitorias unha gran tempada na que non deu opcións aos seus rivais.

Pese a que Gómez Noya o intentou, o obxectivo para colgarse o ouro era realmente complicado: gañar a carreira de Gold Coast e que Brownlee non quedase entre os cinco primeiros. Mediado o segmento a pé, a misión era imposible, xa que o español e Brownlee xa se quedaron sos na cabeza. O británico, insaciable, impúxose en meta con sete segundos de vantaxe.

Gómez Noya, que estivo lastrado polas lesións desde xullo de 2008 ata o mes de maio, atopouse co rival máis duro dos últimos anos. Brownlee, campión do mundo Sub-23 en 2008, consagrouse como unha indiscutible estrela mundial.

Na Casa de Campo madrileña, o británico destapouse co seu primeiro éxito en categoría de elite pero logo viñeron outras catro vitorias no circuíto mundial: Washington D.C., Kitzbühel, Londres e Gold Coast. Un histórico pleno, cinco de cinco, que non deixa ningunha dúbida da súa superioridade.

Pola súa banda, Gómez Noya conclúe a súa tempada internacional como o único triatleta capaz de gañar a Brownlee en 2009, no Campionato de Europa de Holten (Holanda). Na súa traxectoria mundialista deste ano, o galego acumula tres segundos postos (Washington D.C., Kitzbühel e Gold Coast) e dous terceiros (Madrid e Yokohama).

Ademais, no palmarés de Gómez Noya, de 26 anos, figuran un título mundial (Vancouver 2008), dous títulos europeos (Copenhague 2007 e Holten 2009), dous subcampeonatos mundiais, un diploma olímpico (Pekín 2008) e tres títulos de Copa do Mundo (2006, 2007 e 2008).

"Tendo batido o meu récord persoal en 10.000 metros (29:17.) e facendo todo o que estaba nas miñas mans para gañar, só me queda felicitar a Alistair Brownlee", declarou Javier Gómez Noya. "foi a carreira máis rápida da historia do triatlón. Con isto está todo dito. Brownlee e eu voamos a pé, pero parece que Alistair ía en patines", chanceou o galego pouco logo de haberse colgado a súa segunda medalla de prata nun Campionato do Mundo de Triatlón.

Deportes