Imprudencias perigosas

Imprudencias perigosas
01 de Agosto, 2023 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

Un helicóptero de Salvamento Marítimo tivo que rescatar este domingo un surfista das rochas da praia do Baleo, en Valdoviño. A pesar de que había bandeira vermella, polo estado do mar, tres mozos metéronse na auga practicar surf. Un deles colleu medo e foi rescatado nas rochas. E só un das case vinte persoas rescatadas no que levamos de verán nas praias de Valdoviño polo servizo de socorristas nun ano no que en toda España hai preocupación polo gran número de persoas afogadas en praias e piscinas.

ESCOITA O PODCAST:

O Informe Nacional da Real Federación de Salvamento e Socorrismo cifra en  245 as persoas falecidas por afogamento en praias e piscinas de España no que vai de ano, 22 delas en Galicia, 3 no mes de xullo. O coordinador do servizo de socorrismo das praias de Valdoviño, Xosé Agulló, lamentou en Radio Fene das imprudencias de moitos bañistas, que non atenden as indicacións dos socorristas. Ata o momento todos os rescates na comarca foron afortunados e non temos que lamentar consecuencias máis graves que sustos moi serios, pero as neglixencias poñen vidas en perigo, e non só as dos bañistas en apuros, algúns deles nenos e nenas, tamén as dos propios socorristas que pasan o verán vixiando as praias.



 

Sociedade

Publica o teu comentario agora