Indignación na Mariña

Indignación na Mariña
07 de Xullo, 2020 - 11:58 h. | Publicada por Radio Burela

A maioría dos alcaldes da Mariña luguesa están indignados coa Xunta porque lles traspasa toda a responsabilidade sanitaria no novo confinamento. Eles dín non dispor de medios humanos nin de loxística.

ESCOITA O PODCAST:

“Quen lle puxo a perna enriba?" A pregunta aparece hoxe para sinalar que entre o rebrote do coronavirus e o inminente peche da planta de aluminio, a desgracia cébase coa comarca da Mariña de Lugo. Hai inquedanza social e política na Mariña diante da xestión da Xunta ante o repunte e o confinamento.

A maioría dos alcaldes da Mariña están indignados porque a Xunta lles teña traspasado a estas localidades a responsabilidade e as competencias sanitarias durante o novo confinamento. Vixianza, inspección e control da situación é agora responsabilidade local, cando estes concellos non teñen nin persoal nin loxística para afrontar a situación, cóntanos Anxo Rivas de Radio Foz, quen esta mañá recollía as palabras do alcalde de Foz, Fran Cajoto, que á súa vez ven sumarse á da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, que estes días pediu o aprazamento das eleccións autonómicas debido á nova situación de confinamento. En todo caso, Anxo Rivas, fálanos da inquedanza e malestar dos mandatarios da Mariña tras a comparecencia das autoridades sanitarias para anunciar o confinamento da bisbarra durante cinco días. “Algún concello non ten nin policía local e o Sergas non aportou aínda datos oficiais de cantas persoas contaminadas hai, nin da incidencia do rebrote”.

“Para colmo de males, a planta de Alcoa semella ter os días contados. O de Alcoa é dramático” insiste Anxo Rivas, para contarnos que os traballadores rogan á dirección que se suspenda o ERE. “Ata hai voces que botan a culpa do rebrote ás manifestacións dos traballadores".

 

(Imaxe do concello de Burela)

Sociedade

Publica o teu comentario agora