Inxectar na rapazada a paixón pola lectura

Inxectar na rapazada a paixón pola lectura

10 de Febreiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O IES de Fene - A Coruña- acolle hoxe un curso e unha coferencia do prestixioso profesor e escritor Juan Mata. Juan Mata Anaya é profesor do Departamento de Didáctica de la Lengua y la Literatura da Universidade de Granada. A biblioteca O Segrel do Penedo convidou a quen pasa por ser un dos investigadores e expertos en animación lectora máis importantes do estado.

Autor de moitos artigos en revistas e de libros, imparte unha charla e un curso ao profesorado do instituto de Barallobre entre a mañá e a tarde. Das razóns para a escritura e a lectura, do hábito de ler, da educación literaria nas aulas, e da escrita, de todo iso se fala hoxe no IES de Fene, a través da experiencia de Juan Mata.

Engadimos unha das reflexións de Mata sobre a lectura que pode ser útil aos pais e nais que pretendan inculcar nos seus pequenos-as o amor polos libros:

“Convén entón preguntarse que deberían facer os pais para crear amor polos libros. E a resposta é ben sinxela: estar dispostos a investir tempo en ler cos seus fillos. Non hai máis fórmula secreta que esa: elixir bos libros da biblioteca ou compralos na libraría para ir creándolles a súa propia, sentar con eles e lerlles en voz alta con paciencia, responder tranquilamente ás súas preguntas, contarlles contos antes de durmir.  E así un día e outro e outro. Tarde ou cedo eses xestos renderán os seus froitos. E se non os rende na forma esperada, é dicir, se ao fin non se logran lectores apaixonados, propiciouse polo menos unha magnífica relación afectiva e intelectual dos nenos cos adultos. Coñezo poucos nenos que prefiran ver a televisión a xogar ou conversar cos seus pais. Non vexo, pois, que os libros e o televisor sexan inimigos irreconciliables.”

Sociedade