A lectura en servizos mínimos

A lectura en servizos mínimos
02 de Xuño, 2020 - 11:25 h. | Publicada por Radio Fene

Biblos Club de lectura seguíu repartindo libros durante a pandemia. A libraría de Betanzos está aberta xa ao público, despois do peche obrigado.

ESCOITA O PODCAST:

Servizos mínimos culturais é o que ofreceu o Club de lectores Biblos e a súa libraría de Betanzos durante a pandemia. A súa directora, Carmela González, afirma que quedaron sen sair moitas novidades editoriais, os lectores quedaron confinados, as librarías físicas fechadas e as editoriais, distribuidoras, etc daquela maneira. Aínda así conseguiron sair adiante con imaxinación, con pequeñas ocorrencias como por exemplo facendo vídeos con lecturas dos contos infantís que quedaron parados na libraría. Unhas lecturas que tiveron unha boa acollida.

Coa revista pasaron cousas sorprendentes, declara Carmela González, “houbo suscritores que pensaron que non se podían enviar os libros e houbo quen fixo un acopio enorme deles para pasar o confinamento”. “É unha maravillosa sorpresa comprobar que a lectura volveu ás casas". No prazo dunha semana, ata tres persoas pedíronnos “En busca do paraíso perdido” reflexiona Carmela, quen non esquece que durante esta pandemia deixounos Luz Pozo Garza, figura destacada na revista do Club Biblos deste mes. E tamén que pasaron as Letras Galegas adicadas a Carvalho Calero. González é das que pensa que hai que alongar a celebración ata o ano que ven.

A revista cos libros de maio-xuño está nas mans dos suscritores e Carmela González non se molla en canto a recomendacións. “Destacaría todos” dí rotunda. A libraría física de Betanzos está aberta desde o primeiro día no que se abríu esa posibilidade ao comercio. Cando pechou tiña un calendario de actividades e presentación que quedou pendente. Retomaranse pouco a pouco, con calma. “As actividades van ter que agardar a secar” explica González quen disfruta do día a día. Biblos Club de lectores naceu no ano 2003 e chega a lugares moi lonxanos e mesmo aos galegos do extranxeiro. Esa oportunidade combina moi ben coa xanela aberta que supón a libraría de Betanzos na que tanto disfrutan. As campás da igrexa de Santiago soaban cando despedimos a Carmela González.

Cultura

Publica o teu comentario agora