Leite na terra de Noche

Leite na terra de Noche

28 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A terra tinguiuse hoxe de branco na Terra Chá. Non se tinguiu por culpa da neve ou dalgún produto químico, senón que o fixo de leite. Un maizal ao abeiro da LU-541, na parroquia de Noche, en Vilalba, foi o espazo para que o Sindicato Labrego Galego (SLG) levase a cabo a reivindicación dun trato mais xusto para o campo en forma dun prezo mínimo de 34 céntimos para cada litro de leite.

Contra das 13.00 horas da tarde, dez tractores-cisterna abriron as súas espitas para esparexer uns 85.000 litros de leite recollido de 450 explotacións dos concellos de Cospeito, Guitiriz, Begonte, Vilalba, Abadín, Xermade e Castro de Rei.

 

 

Esta acción, extrema de por si, ao tirar ao chan o seu produto, responde a unha forma de protesta que xa chega ao seu terceiro día, despois das levadas a cabo en Nemenzo (Santiago de Compostela), o pasado mércores 23 de setembro, e San Sadurniño, o venres 25 do mesmo mes.

 

A mobilización, que contou con decenas de gandeiros chairegos que acudiron á parroquia de Noche, pon de manifesto e sitúa a crise do sector lácteo a pé de explotación, xa que moitas delas están acuciadas polas débedas, produto do investimento para poder modernizarse.  “O que non se pode é, nun período dun ano, pasar a cobrar a metade do prezo polo mesmo produto. Se despois de ter dobre A, de ter o leite certificado, e estar a facer todos eses esforzos nunha explotación para mellorar a calidade do leite, unha vez que estás metido nese investimento é incrible que non poidas facerlle fronte, e producir a metade de prezo. Nós estivemos traballando todos estes anos para ter unha situación favorable. Non podemos producir para vender a 19 céntimos como nos din que temos que producir. Levamos meses tendo paciencia, pero iso era mellor que lla pediran aos bancos e aos outros acredores”, dicía unha labrega vilalbesa, Concha Blanco.

 

“É moi difícil ter que facer as loitas desta maneira, e moito mais inxusto é ter que tirar un produto do noso traballo nas terras”, declara Lupe Prado, responsable do sector agrogandeiro do SLG, pero tamén afirma que é unha forma de obrar produto da súa “desesperación, estamos vivindo unha agonía”, repite.

 

Para esta labrega vilalbesa, a situación é demasiado grave. “Esta é a ruína total das nosas explotacións. Nós tentamos facer o que os nosos políticos nos dixeron, que era poñernos ao día, reestruturarnos e modernizarnos e que pedísemos estes créditos, que teremos que afrontar a finais de ano e polos que nos veremos abocados a que nos veñan a buscar o que temos, non só as explotacións, senón tamén os nosos patrimonios”, afirma cunha mestura de rabia e adrenalina.

 

Desde esta organización agraria rexéitase o pacto sobre o prezo medio do leite acadado a finais de xullo por parte de industria, distribución, Goberno e produtores. “Esta é a única maneira de reivindicar que non estamos de acordo coa pantomima do prezo que nos venderon no mes de xullo e que nos seguen vendendo día tras día”. Para a responsable chairega “estanos querendo obrigar a un tipo de acordos e a un tipo de contratos onde nós non temos nada que dicir. O prezo non vén indicado en ningún sitio, nin mínimo, nin de referencia. Nos deixan en mans da industria para pactar un prezo de miseria, que é o que estamos a ver nestes momentos”

 

No mesmo senso se amosa a Secretaria Xeral do sindicato, Carme Freire, que, ademais de reclamar un prezo mínimo que cubra os gastos de produción e de traballo, esixe un maior control da produción e a redistribución das explotacións. “Temos que reclamar un maior control da produción para equilibrar a oferta e a demanda, porque  se hai moito excedente de produto no mercado e este é o caso, é o que fai baixar o prezo e poñernos en xaque aos produtores. Por iso reclamamos un prezo mínimo que cubra os custes de produción e de traballo, ten que haber unha reformulación das políticas dos últimos tempos, e do último chequeo médico da PAC, para que haxa unha redución da produción en Europa, a adecuación da oferta á demanda, unha redistribución das explotacións, que siga habendo un tecido social vivo e que haxa un control de produción” estableceu Freire.

Sociedade