Licores Tradicionais de Galicia obteñen 3 galardóns no Premio da Prensa do Viño

Licores Tradicionais de Galicia obteñen 3 galardóns no Premio da Prensa do Viño

11 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

O Consello Regulador das Denominacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia recibiu tres novos galardóns aos seus destilados. Nesta ocasión trátase da primeira edición do Premio Nacional da Prensa do Viño, convocado pola Asociación Española de Xornalistas e Escritores do Viño (AEPEV) e creado co obxectivo de distinguir as mellores creacións vitivinícolas da pasada campaña.

Así, os socios desta entidade pertencente á FAPAE, seleccionaron os mellores viños e espirituosos españois de entre 425 candidatos, pertencentes a 49 denominacións de orixe, 7 denominacións de viños da terra, tres viños de pago e tres denominacións específicas e viños de mesa.

A diferenza doutros concursos, no que media unha cata a cegas, estes galardóns decídense en función do propio coñecemento que cada un dos socios posúe dos produtos, xa que son eles os que propoñen até un total de tres viños ou espirituosos por cada unha das dez categorías a concurso.

En opinión do presidente do Consello Regulador das Denominacións Xeográficas dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, Evaristo Rodríguez, estes galardóns veñen pór de manifesto o cada vez maior coñecemento que existe en toda España dos nosos destilados, como sinónimo de calidade e garantía na súa elaboración, tanto entre os prescriptores como entre os consumidores que aprecian este tipo de produtos.

A entrega de premios terá lugar mañá venres, 12 de marzo, nun acto que se celebrará no Mosteiro de San Clodio (Ourense). O enclave foi escollido con motivo da celebración do Ano Xacobeo xa que a vontade da AEPEV é que a entrega dos premios sexa rotatoria e celébrese en distintos puntos de España.

Sociedade