A loita polo sufraxio feminino

A loita polo sufraxio feminino

03 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A directora do Instituto General de la Mujer, Laura Seara, desprazarase mañá, mércores, a Ferrol con motivo da apertura da exposición “Historia do feminino en España”, que se poderá ver ata o 27 de maio no local da Praza de España situado fronte ao Fórum Cidadán. Seara aproveitará a súa estancia na cidade para coñecer as instalacións e o traballo que levan a cabo a diario o equipo de profe

A presentación da exposición “O voto feminino en España” terá lugar ás 12.30 horas. A mostra enmárcase dentro da programación de exposicións realizadas por mulleres que cada mes se abre na Casa da Muller. Con ela preténdese rendir unha homenaxe ás mulleres que loitaron de forma anónima para conseguir un dereito fundamental como é o do libre sufraxio, acadado no ano 1931, cando foi aprobado polas Cortes Constituíntes da Segunda República. Este fito constitúe o froito dun longo período de loitas que abarca desde mediados do século XIX ata ben entrado o século XX e configúrase como unha conquista histórica na construción da democracia e na consolidación da cidadanía feminina.

“O voto femenino en España” ofrece un importante e histórico material documental e fotográfico e foi elaborada no ano 1981 con motivo da celebración do cincuentenario do voto feminino en España. Os seus contidos elaboráronse polo Centro Feminista de Estudios y Documentación e forma parte da importante colección de exposicións itinerantes xestionadas polo Instituto da Muller. Foi exhibida en numerosos lugares de España, así como noutros países da Unión Europea. Está composta por paneis informativos que inclúen fotografías e documentación sobre a historia do voto feminino en España. Un primeiro bloque enmárcase dentro do epígrafe “Votos para as mulleres, unha consigna internacional”. Céntrase en aspectos como o carácter pioneiro do sufraxismo americano, a Declaración de Seneca Falls ou A Dureza da loita sufraxista en Inglaterra. Nun segundo bloque, a exposición fai fincapé no sufraxio feminino en España (a situación das mulleres na ditadura de Primo de Rivera, as primeiras asociacións feministas, a evolución do estatus social das mulleres, a proclamación da República, a conquista do voto, etc.).

A exposición pódese visitar de martes a domingo en horario de tarde, de 18.30 a 20.30 horas. Os centros de ensino poden visitala en horario de mañá, de 08.00 a 15.00 horas, de luns a venres, previa solicitude na Casa da Muller, a través do número de teléfóno 981 944 240 ou na mesma Casa, ubicada na rúa Lugo, número 56. 

O acto inaugural incluirá unha actuación musical a cargo de Susana González (violín), Uxía Oña (viola) e Raquel González (saxofón), que interpretarán “Sherezade”, de R. Korsakov, e “Largo” de “As catro estacións”, de A. Vivaldi.

Cultura