Luz de silencios de Andrés Otero

Luz de silencios de Andrés Otero

06 de Outubro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

As pinturas surrealistas de Andrés Otero Amoedo amósanse na Casa da Cultura de Fene. A exposición “Luz de Silencios” compoñen a colección que o pintor ferrolán Andrés Otero Amoedo inaugurou o venres na Casa da Cultura de Fene. Amósanse ao redor dunha vintena de cadros, a maioría con influenzas de movementos artísticos coma o Surrealismo ou o Cubismo.

A obra de Andrés Otero Amoedo é un reflexo de sentimentos e experiencias. Segundo explicou o artista, a meirande parte dos cadros xordiron de bocetos e pequenos debuxos realizados en sorportes do máis variado: servilletas, pousavasos, caixas de tabaco, etc. Aqueles primeiros debuxos, nos que predominaban os tonos escuros, “foron xirando cara a cor e dando vida á “luz de silencios” da que fala o pintor no título da exposición.

Andrés Otero Amoedo debutou no mundo da pintura en 1989, nunha mostra colectiva que se realizara en Caranza para pintores noveis. Recentemente expuxo en Sada na que foi a súa primeira mostra individual. Logo da exposición de Fene, levará os seus cadros á Casa das Palmeiras de Neda e a Narón.  

A mostra “Luz de Silencios” permanecerá na Sala de Exposicións da Casa da Cultura de Fene ata o 19 de outubro. Poderá visitarse de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, e os sábados, de 10:00 a 13:00 horas.

Sociedade