Máis tensión no naval

Máis tensión no naval

30 de Maio, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Máis de 4.000 traballadores de Navantia Ferrol e Fene e das empresas auxiliares do sector naval volveron saír á rúa este mércores para reclamar carga de traballo nunha mobilización tensa na que algúns operarios romperon cristais do Concello e do edificio da Xunta, e se enfrontaron con axentes da Policía Autonómica. Ao atoparse coas portas da Casa do Concello pechadas, os empregados prenderon unha pequena fogueira nos soportais da edificaci&o

Ás 10.30 horas os traballadores saíron en manifestación da porta do estaleiro de Navantia Ferrol, tras unha pancarta na que se reclamaba carga de traballo e alertábase de que 17.000 postos de traballo están en xogo, en referencia á cifra oficial de influencia laboral do sector na provincia.

   Os manifestantes dirixíronse ao edificio da Xunta de Galicia na praza de España con intención de entregar na oficina do INEM panfletos nos que se fai un chamamento á manifestación que se celebrará o domingo 10 de xuño en defensa do sector naval.

   Unha decena de axentes da Policía Autonómica negociaron cos representantes sindicais a entrada dun pequeno grupo de traballadores, pero os manifestantes comezaron a apiñarse á entrada e accederon á forza, empuxando aos axentes e rompendo algúns cristais do edificio.

   As protestas dirixíronse a continuación á oficina de Bancaja --agora pertencente a Bankia-- situada na Praza de Armas. Os traballadores guindaron ovos á fachada da entidade e a empapelaron con carteis nos que se lía a frase 'O PP ten diñeiro para Bankia pero non para Navantia'.

   Na Praza de Armas, as accións de protesta centráronse no Concello de Ferrol. As portas de acceso foran pechadas e algúns traballadores romperon un dos cristais cun petardo e provocaron no exterior pequenos lumes con papeis. Con cánticos de "PP, escoita, ou naval está en loita", e anuncios de "a próxima visita, será con dinamita", os traballadores mantiveron a súa concentración até as 13.00 horas.

PRÓXIMA PROTESTA

   Os responsables dos comités de Navantia Ferrol e Fene trataron en dúas ocasións de dar por concluída a protesta. Aínda que utilizaron un megáfono, foron silenciados polos apupos e asubíos de numerosos traballadores que lles acusaron de "paripé".

   O vindeiro domingo 10 de xuño está convocada unha protesta cidadá en defensa do sector naval. Nos últimos meses destruíronse case mil empregos de compañías auxiliares de Navantia e ante a finalización dos encargos existentes, prevese que cara ao verán se produzan máis despedimentos.

   Neste contexto, o anuncio realizado pola Xunta de Galicia dun acordo coa petroleira mexicana Pemex "non é a solución" á crise do naval da zona, segundo denunciou Ignacio Naveiras, de CC.OO, que insistiu en que se necesita un contrato militar que xere traballo para "4.000 persoas e non para uns centos".

   O anuncio realizado pola Xunta ten, ao seu xuízo, "unha falta de concreción esaxerada". "Que non nos veñan con contos e non nos fagan ver o que non é", concluíu.

Sociedade