Médicos Sen Fronteiras cumpre 40 anos cunha exposición

Médicos Sen Fronteiras cumpre 40 anos cunha exposición

02 de Novembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Coincidindo co 40 aniversario do seu nacemento, Médicos Sin Fronteras (MSF) inaugura hoxe, no Campus de Ferrol, coa colaboración da Universidade de Coruña, a exposición "40 Anos de Acción Humanitaria Independente", unha mostra fotográfica que repasa a historia da organización, así como os principios que guiaron o seu traballo durante as últimas décadas.

Tal e como se explica na exposición, MSF naceu en 1971 da man dun grupo de médicos e xornalistas, frustrados uns porque o mandato da organización na que traballaban lles impedía prestar testemuño sobre o xenocidio dos ibo en Biafra (Nixeria, 1968), outros pola ineficacia con que se atendeu ás vítimas das inundacións de 1970 en Paquistán Oriental (actual Bangla Desh): defendían unha acción médica independente de intereses políticos ou económicos, que acudise alí onde a emerxencia o requirise para prestar asistencia e testemuño.

Hoxe, MSF é unha das principais organizacións humanitarias independentes do mundo, e lamentablemente ten que celebrar pouco, xa que as crises ás que responde na actualidade recordan moito as primeiras emerxencias nas que a organización interveu hai 40 anos. A mostra permanecerá do 2 ao 14 de novembro. Pode visitarse,de luns a venres e de 10 a 21:30. Na Pecera do Salón de Actos (Campus Universitario de Esteiro. Ferrol).

Sociedade