Música e poesía en Vigo para lembrar a Ramiro Fonte

Música e poesía en Vigo para lembrar a Ramiro Fonte

17 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) homenaxea esta tarde ao escritor Ramiro Fonte falecido o ano pasado. A sede da Fundación Caixa Galicia acollerá un acto de lembranza que contará cun recital poético e unha actuación musical.

Ramiro Fonte foi narrador, ensaísta, crítico, estudoso da literatura galega e, sobre todo, poeta. Fundou, xunto con outros compañeiros, o colectivo poético Cravo Fondo (1977), formou parte da Real Academia Galega e dirixiu o centro do Instituto Cervantes en Lisboa. Non obstante, á hora de destacar a súa traxectoria, o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, quédase coa defensa que Fonte sempre realizou da ética como guieiro do escritor.

O acto de homenaxe que se celebra esta tarde en Vigo iniciarase coa actuación musical do grupo instrumental Siglo XX e a continuación organizarase un recital poético de textos de Ramiro Fonte e outros compostos na súa lembranza. Participarán X. M. Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Ignacio Chao, María do Carme Kruckenberg e Xulio L. Valcárcel. Tras unha segunda actuación musical, os versos volverán tomar protagonismo coas intervencións de Gonzalo Navaza, Román Raña, Xavier Rodríguez Baixeras, Cesáreo Sánchez e Xavier Seoane.

Sociedade