As músicas tradicionais de Brasil, India, Polonia e Galicia danse a man en Vigo

As músicas tradicionais de Brasil, India, Polonia e Galicia danse a man en Vigo

05 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Co obxectivo de fomentar a interacción entre as culturas tradicionais de diferentes partes do mundo ponse en marcha en Vigo o ciclo Músicas inmigradas. Artistas procedentes da India, Brasil e Polonia, pero residentes en Galicia, amosarán os sons dos seus países de orixe nunhas citas nas que tamén haberá oco para a danza e a gastronomía.

A e-Trad, a Escola Municipal de Música Tradicional e Folk de Vigo, pon en marcha por primeira vez este proxecto. Músicas inmigradas arrinca este venres 8 cun concerto de Renato Spencer, experto en música nordestina do Brasil. Os sons hindús protagonizarán a seguinte cita, o venres 15, na que actuarán o tablista de Benarés Vikas Tripathi. A proposta rematará unha semana despois, o día 22, coa proposta titulada Músicas Balcánicas, a cargo do violinista polaco Piotr Lublin. O organizador do ciclo, Javier Feijóo, explicou en Radiofusión que non se tratará de simples concertos, senón que se realizará un intercambio entre as diferentes culturas para que os músicos galegos aprendan sobre o folclore dos convidados e viceversa.

Todas as citas deste ciclo celebraranse na sede da e-Trad, situada no edificio da Escola de Artes e Oficios de Vigo, na rúa García Barbón.

Cultura