Maniños recupera a romaría do Pote

Maniños recupera a romaría do Pote
23 de Agosto, 2022 - 10:06 h. | Publicada por Radio Fene

A Romaría do Pote en Maniños, era antes da pandemia cita obrigada no calendario estival de Fene. A entidade promotora, a ACRD O Pote, leva desde finais de 2021 recuperando o pulso cultural da parroquia con múltiples actividades -Facer Memoria con Paula Carballeira, un Entroido a primeiros de abril, as Letras Galegas, a sardiñada do San Xoán, a Festa da Ameixa...- e agora chégalle a quenda á súa tradicional romaxe das merendadas e a música, que se celebrará este domingo 28 de agosto. Desde a entidade convidan a degustar mexillóns desde as 12:30h e a buscar un recuncho para xantar e pasar a xornada, que nesa primeira parte do día estará animada polo grupo Os Xotas. Como viña sendo habitual, o serán e a noite estarán dedicados á música galega coa actuación de Tanto nos ten, de Tiruleque e, como peche, da Mekánika Rolling Band. A asociación cultural conta con apoio do Concello de Fene e da Deputación da Coruña para organizar o evento, que promete ser ben animado e concorrido trala pausa obrigada de 2020 e 2021.

Torre de Borrás. Maniños. Fene

A primeira romaría do Pote celebrouse o 17 de setembro de 1933, tendo como peculiaridade o seu carácter laico, ao non estar adicada a santo ningún. Finalizou daquela o evento cunha recepción ao coro Toxos e Froles na torre de Borrás onde se izou unha gran bandeira republicana.

 

Fotografía: Maite Martínez Prieto

Sociedade

Publica o teu comentario agora