Medio Ambiente adxudica as obras de reforzo da LU-120 no tramo de Vilalba e o Cruce do Arneiro, que se iniciarán no mes de Marzo

Medio Ambiente adxudica as obras de reforzo da LU-120 no tramo de Vilalba e o Cruce do Arneiro, que se iniciarán no mes de Marzo

08 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O treito da LU-120 que transcorre entre Vilalba e o Cruce do Arneiro modificará o seu firme a partir de marzo, mes no que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas iniciará as obras de reforzo de mellora de varias interseccións desta estrada. O departamento que dirixe Agustín Hernández vén de adxudicar este proxecto por un importe de case máis de 3,5 millóns de euros (3.524.032), á empresa Probisa Tecnología y C

As accións que se levarán a cabo nestes puntos buscan a rehabilitación dun firme que na actualidade está bastante deteriorado. Outro dos obxectivos é a mellora da seguridade viaria neste treito. O vial sitúase entre o enlace coa N-634 nas proximidades da capital chairega, no punto quilométrico 0+000, e o enlace de Arneiro coa LU-113, punto quilométrico 14+270, e ten unha lonxitude duns 14,3 quilómetros. As características desta estrada son as dunha calzada única, con dobre sentido de circulación, con carrís de 3,5 metros de ancho e beiravías arredor de 1,5 metros.

 

 

Para facer as actuacións traballarase no saneo do firme para a posterior execución dunha nova capa de rodadura. Tamén se levará a cabo a desmontaxe das barreiras metálicas que existen na actualidade e a demolición das beirarrúas da travesía de O Santo, que se reconstruirán cara o punto quilométrico 11.

 

Actuacións

Por motivos da mellora da seguridade, sobre todo na protección dos motoristas, adaptarase a vía á normativa vixente en todos os sistemas de contención. Incluirase ademais a retirada das barreiras metálicas existentes, posto que ao realizarse o reforzo da cota superior do firme quedará 12 cm. por enriba da actual, polo que non se cumprirán os requisitos esixidos pola normativa en canto a alturas das barreiras. Así, substituiranse os pretiles metálicos existentes por outros adaptados á normativa. Así mesmo, levarase a cabo o acondicionamento dos principais accesos á estrada, polo que se colocarán, onde sexa posible, pequenas cuñas de entrada e saída, co fin de facilitar a incorporación dos vehículos.

 

 

Redución da velocidade

Por outra banda, a zona da travesía de O Santo verase mellorada coa finalidade de lograr unha redución da velocidade, que tende a ser moi alta debido ao seu bo trazado e por tratarse dunha longa recta. Ademais, cambiaranse as beirarrúas existentes, xa que se atopan en moi mal estado. Co fin de lograr unha axeitada mellora dos parámetros de seguridade viaria da estrada substituiranse, naqueles treitos onde sexa posible, as actuais gabias de terra profunda por gabias de seguridade.

 

Por último, realizaranse traballos para a mellora da sinalización horizontal e vertical e o balizamento e defensa da estrada. Ademais de establecer dúas zonas de aparcamento de 2,50 metros de ancho. Esta vía pertence á Rede Primaria Complementaria, dependente da Xunta de Galicia e beneficiará a máis de 20.600 persoas que viven nos concellos lucenses de Vilalba e Cospeito.

Sociedade