As mellores tapas

As mellores tapas
17 de Xuño, 2023 - 12:01 h. | Publicada por Radio Fene

O Café dos segredos e a Cafetería Pachamama son os gañadores do XIII concurso de Tapas de Fene. Premiounos o xurado do certame nas modalidades de tapa creativa e tapa tradicional. Os premios entregáronse na Casa do Concello nun acto que presidiu o alcalde en funcións, Juventino Trigo, nos que se deu a coñecer o fallo do xurado do certame e tamén se fixo público o resultado da votación popular.

ESCOITA O PODCAST:

O Café dos Segredos con “Segredo de Mar” nas modalidade de tapa creativa. Premiouno o xurado e tamén gañou a votación popular. Luís López, Luigi, manifestou a Radio Fene o seu orgullo polo éxito da súa tapa. A máxima puntuación do xurado na categoría de tapa tradicional foi para “Pito gorgorito á laranxa” do Pachamama, que non puido acudir ao acto. A máis votada pola clientela, nesta modalidade de categoría tradicional, foi a tapa “Merson da Costa”, de O Son de Cociña. Sofia Martínez Cociña, a filla da gañadora, foi a encargada de recoller o galardón e destacou as habilidades da súa nai, Mónica, na cociña. 



Como subcampioa na categoría de tapa tradicional a clientela elixiu “Un domingo na feira” de Arrecendo e “Lauritaki!!” da Cafetería Lembranza como subcampioa na categoría de tapa creativa. Tamén no caso da categoría de tapa creativa coincidiron clientes e xurado ao outorgar o segundo posto á “Lauritaki!!” da Cafetería Lembranza. Como subcampioa na categoría de tapa tradicional o xurado optou pola tapa “Mersón da Costa” de O Son de Cociña.



O alcalde en funcións, Juventino Trigo, e a concelleira de Promoción Económica en funcións, Ángeles Coira, entregaron os diplomas aos participantes e os premios aos galardoados. Tamén se sortearon agasallos para os clientes que participaron nesta edición do certame. Ángeles Coira subliñou o éxito de participación neste certame, pois se duplicou o número de tarxetas e fenerrutas que se depositaron nas urnas, con respecto á última edición, foron 4.725 as tarxetas recollidas e 193 as fenerrutas que acreditan ter degustado todas as tapas presentadas ao concurso.



Juventino Trigo agradeceu a participación e esforzo dos establecementos locais. Destacou a extraordinaria calidade das propostas presentadas. Mostrou, tamén, a súa satisfacción pola gran participación rexistrada. 

 

Institucional

Publica o teu comentario agora