A memoria afundida de Rande comeza a aboiar

A memoria afundida de Rande comeza a aboiar

22 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

As prospeccións subacuáticas para investigar os pecios afundidos na batalla de Rande principiaron nesta xornada no Porto de Cesantes, en Redondela. A Consellería de Cultura e Turismo promove os traballos na ría de Vigo que se insiren no marco do Plan Nacional de Protección do Patrimonio Cultural subacuático cofinanciado co Ministerio de Cultura, cun orzamento total de 90.000 euros. Dentro do mesmo convenio inclúense s

No ano 1702, na ría de Vigo, tivo lugar a batalla de Rande enmarcada no contexto da Guerra de Sucesión. Unha numerosa flota de barcos españois e franceses procedente de América con destino a Cádiz e cun valioso cargamento de ouro e prata, tivo que dirixirse á Ría de Vigo, onde foi atacada por ingleses e holandeses. A maioría dos barcos francoespañois foron afundidos. A batalla de Rande converteu a Ría de Vigo no depósito arqueolóxico subacuático máis emblemático das costas galegas. Segundo a investigación arqueolóxica realizada e considerando as fontes bibliográficas e documentais podemos falar duns 30 pecios relacionados coa batalla de Rande.

Investigación dos pecios

Os obxectivos principais desta actuación residen na investigación arqueolóxica subacuática dos pecios da batalla de Rande. Numerosos puntos foron localizados como resultado de investigacións anteriores con sistemas xeofísicos, algúns dos cales agora se pretende verificar con inspeccións directas mediante mergullo. En segundo lugar, mantense un obxectivo de experimentación e de busca de eficiencia metodolóxica xa que se trata dunha zona de gran complexidade de mergullo, dada a escasa visibilidade e as fortes correntes nalgunhas zonas. O equipo de traballo dirixido por Javier Luaces Anca está formado por catro arqueólogos mergulladores, un instrutor de mergullo profesional e un patrón profesional.

No presente traballo preténdese comprobar de cinco a sete puntos que foron localizados durante a prospeccións xeofísicas de 2007 e 2008, aínda que dependendo do desenvolvemento dos traballos poderíase comprobar algúns máis. Nos rexistros de xeofísica detectáronse uns 30 puntos. Algún deles correspóndese con pecios investigados arqueoloxicamente entre 1990 e 1993, outros son barcos con forma claramente definida e outros son puntos que tamén poderían ser restos de embarcacións ou do seu cargamento, aínda que algúns deles son dubidosos. Algúns rexistros indican obxectos enterrados, que non saen reflectidos no sonar de varrido lateral, que foron detectados ou ben co magnetómetro ou co perfilador de sedimento.

Sociedade