Merca en Fene

Merca en Fene
03 de Marzo, 2021 - 11:13 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellaría de Promoción Económica de Fene e a Asociación do comercio, a hostalaría e os servizos "O Cruceiro" organizan desde o venres até o domingo unha nova edición do outlet "Merca en Fene", que ofrecerá unha chea de saldos e ofertas ademais de sorteos e música na rúa. O concello completa axudas á hostalería que xa pode ocupar o 30% do interior dos locais.

Na cita participarán 24 establecementos e durante o seu desenvolvemento extremaranse as medidas preventivas co obxectivo de ofrecer a máxima seguridade para un evento que promete ser animado polo bo tempo que se agarda, pero tamén polo feito de que Fene xa se encontrará no nivel medio de restricións anunciado onte pola Xunta. Este primeiro outlet do ano pretende reactivar o consumo no comercio local como maneira de axudar á recuperación económica dos pequenos negocios de Fene. Ademais, esta mesma semana o Concello tamén aprobou a distribución das achegas do PEL Reactiva, das que se beneficiarán 91 establecementos e pequenas empresas por un montante total cercano aos 170.000 euros. Ademais o Concello tamén habilitará unha partida extraordinaria de 46.000 euros para que poidan entrar nas subvencións outros 19 negocios que cumpren os requisitos pero que quedaron fóra por esgotamento do crédito provincial.

O Concello e "O Cruceiro" volven poñer o acento en coidar ao máximo a seguridade preventiva do outlet nun momento de certa euforia polo levantamento das restricións. Por iso desde a organización insisten en que deberán respectarse as medidas básicas de distanciamento, hixiene de mans e uso da máscara e tamén as relativas á capacidade no interior dos comercios, que non poderán superar o 50% do seu aforo. Ademais nesta ocasión non se colocarán as habituais carpas diante dos establecementos para evitar que poidan producirse aglomeracións puntuais na procura das mellores gangas e prégaselle á clientela que evite no posible tocar o xénero.

Rebaixas e música

Iso si, os comercios participantes estarán identificados con vistosas columnas de globos que lle darán un aire alegre ao evento con axuda da animación musical de catro picadiscos locais situados na parte alta e baixa de Marqués de Figueroa, na zona do cruce de Fene e ao pé do Concello. O outlet "Merca en Fene" desenvolverase o venres e mailo sábado en horario de 10 a 14 e de 17 a 20.00h, mentres que o domingo os comercios só abrirán en horario de mañá. Tempo máis que dabondo para atopar artigos moi variados e tamén moi rebaixados postos á disposición do público por un total de 24 establecementos, quen entregarán con cada compra rifas para entrar no sorteo de 20  vales de 50€ canxeables no comercio local e dunha cesta valorada en 500€. O sorteo celebrarase na Casa do Concello o mércores 10 ás 21.00h. A área de Promoción Económico e a asociación "O Cruceiro" confían en que o outlet sexa todo un éxito de público e vendas debido ao bo tempo que se agarda para os próximos días.

Ampliación medidas sanitarias

Por outra banda a cita cadra coa primeira fin de semana en que Fene e o resto da área sanitaria estarán en nivel de restricións medias, o que permite que a hostalaría empece a atender tamén no interior sen superar o 30% da súa capacidade e sen utilizar a barra, manténdose o horario de peche das 18.00h e o tope dun 50% das mesas nas terrazas. Neste sentido, desde o Concello apélase á máxima responsabilidade para que se respecten as limitacións en canto a agrupacións de persoas -máximo 4 non conviventes-, a obriga de manter a separación interpersoal e de usar a máscara en todo momento, podendo retirala unicamente no intre xusto da consumición. Recórdase ademais que está prohibido consumir alcol na rúa (salvo nas terrazas) e prégaselle á clientela que facilite no posible o traballo dos establecementos hostaleiros non ocupando mesas máis do debido, cumprindo coa hixiene de mans e respiratoria e tamén co horario de peche. Tamén se pide que despois das 18.00h. non se prolongue o "terraceo" en parques e outros espazos públicos.

Resolución das axudas do PEL-Reactiva

En relación co apoio ao tecido produtivo local, o Concello aprobou esta semana a concesión de axudas do PEL-Reactiva. Aceptáronse 91 solicitudes, con importes concedidos entre os 808 e os 3.000 euros de axuda, que deberá xustificarse antes do 31 de marzo. O montante global concedido ascende a 169.808,57 euros. Ademais dos negocios que non cumpriron os requisitos da convocatoria tamén quedaron fóra do reparto outras 19 solicitudes por esgotamento de crédito. Porén o Concello ten previsto habilitar unha partida extraordinaria de algo máis de 46.000 euros coa finalidade de que eses negocios tamén poidan percibir a axuda.

Institucional

Publica o teu comentario agora