Merecen un traballo digno

Merecen un traballo digno
11 de Xuño, 2020 - 11:46 h. | Publicada por Radio Fene

É o momento de devolver ás traballadoras e traballadores das residencias os dereitos recortados en 2012. Meréceno máis se cabe, despois do esforzo laboral realizado durante a crise sanitaria da Covid 19. Ou non?

ESCOITA O PODCAST:

Se estamos todos e todas dacordo en que o personal sanitario e o personal das residencias de maiores dérono todo nesta crise sanitaria, estaremos dacordo en que se merecen volver traballar en condición dignas. Para iso reclaman a devolución dos dereitos suspendidos no V Convenio con motivo da xa superada crise económica. Entre os dereitos que lles foron confiscados no ano 2012 está o nº 19, o da compensación de domingos e festivos traballados. Algo tan sinxelo como iso se lles está negando a estas traballadoras e traballadores dependentes da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. A maioría son mulleres e moitas delas necesitan conciliar. Tamén ese dereito foilles suspendido tamén en 2012.

En palabras da representante do sector da CIG -un dos sindicatos que hoxe convocan movilizacións en toda Galicia diante dos centros dependentes de Política Social- "a situación que tiñan antes da Covid19 véuse agravada aínda máis polo estrés que acaban de pasar, a falta de descanso, o medo a contaxiar e ser contaxiadas". Carmen Viso reclama a devolución dos dereitos roubados e unhas condición de traballo dignas. "Das condición de traballo e das ratios dependerá a atención que se preste aos usuarios e usuarias destes centros, como quedou patente nesta crise sanitaria, recalca.

A CIG traballa na redacción dunha nova proposta, que sexa a administración pública quen xestione todo este tipo de centros e residencias porque , afirma Viso, “ non poden ser un negocio”. Esta é a terceira semana de mobilizacións sen que de momento a Xunta respondese a estas reclamacións. Na comarca están afectados o Centro de Menores, a Residencia Mixta de Maiores de Caranza e o Centro de Maiores de Ortigueira.

(Na imaxe, concentración esta mañá na porta da Residencia Mixta de Maiores de Caranza)

Sociedade

Publica o teu comentario agora