A Mesa pola Normalización de Lugo convoca o certame de audiovisual “Mobilízate pola lingua. Polo dereito a vivirmos en galego”

A Mesa pola Normalización de Lugo convoca o certame de audiovisual “Mobilízate pola lingua. Polo dereito a vivirmos en galego”

03 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Mesa pola Normalización Lingüística da provincia de Lugo (MNL) convocou o concurso de curtametraxes “Mobilízate pola lingua. Polo dereito a vivirmos en galego” co obxectivo de “fomentar actividades entre a mocidade que chamen á reflexión sobre a dificultade de vivir plenamente exercendo os nosos dereitos lingüísticos como galegas”. Neste certame poderán concorrer mozas e mozos de ata “noventa e nove anos”. 

Os participantes deberán elaborar un vídeo no que se recollan situacións, reais ou dramatizadas, nas que se mostren as dificultades que a cidadanía galega se pode atopar para empregar con normalidade o idioma galego nos distintos eidos cotiáns da vida, como poden ser o ensino, as administracións públicas, os hospitais, os xornais, a empresa privada, como consumidores etc. O traballo poderá ser enfocado desde calquera punto de vista, humorístico, ou dramático, épico, descritivo... Desde a organización se valorará especialmente a orixinalidade, a claridade das mensaxes, a capacidade de transmisión de contidos dos obxectivos e a calidade técnica dos vídeos.

O traballo non pode ter unha duración superior a dous minutos. O vídeo poderá ser rexistrado en calquera soporte informático e realizado con calquera medio de gravación: vídeo-cámara, cámara dixital ou cámara de móbil. Ademais, os arquivos serán enviados por correo electrónico a amesalugo@hotmail.com , por MMS ao nº 657887632, ou por correo ordinario á Cova da Terra, R/das Nóreas, nº 12, Lugo. En todos eles indicarase “Concurso Mobilízate”, nome do autor ou autores se é colectivo, o centro de ensino ao que pertencen, no caso de que sexa escolar, e o número de contacto. O prazo de admisión de traballos remata ás 18 horas do día 13 de maio.

Tres premios

No certame establecerase unha única modalidade de concurso que conta con tres premios. Estes  consistirán en aparatos de telecomunicacións, un reprodutor de DVD, unha cámara de fotos e un teléfono móbil. Se algún dos premios fose unha obra colectiva, premiarase a maiores cunha memoria USB de gran capacidade a cada un dos gañadores, cun máximo de cinco unidades por premio. Os premios poderán ser substituídos por outros de calidade e valor semellantes.

Xurado vinculado ao sector do audiovisual el lingüístico galego

O xurado estará formado por un profesional do sector audiovisual galego, un membro dun Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística dunha Administración Pública, que non poderá pertencer a ningún centro de ensino participante no concurso, e un actor galego de prestixio. O xurado visualizará todas as candidaturas recibidas e emitirá un veredicto, por maioría de votos, que será inapelable.  Os premios poderán ser declarados desertos.

Os dereitos sobre as obras poderán ser difundidos pola MNL durante 6 meses

En canto aos dereitos sobre as obras, estes serán cedidos polo participantes por un tempo de seis meses, durante o cal a MNL adquire a obriga de difundilos co nome dos seus autores nas súas canles habituais de comunicación pública. O tratamento da información persoal realizarase conforme á Lei Orgánica 15/1999, de protección de datos. Todas as obras serán reproducidas durante o acto que a MNL celebrará na cidade de Lugo o 14 de maio de 2010. O acto levarase a cabo no salón de actos da Deputación de Lugo, no Pazo de San Marcos, a partir das 20 horas. Os asistentes serán obsequiados cun CD con todas as obras participantes.

Os audiovisuais colgaranse para o seu visionado previo e público na bitácora da MNL www.amesalugo.blogspot.com. A organización, se o tempo o permite, pode variar o espazo do acto para realizalo ao aire libre.

Para máis información poden dirixirse á: Mesa pola Normalización Lingüística –Zona de Lugo-, Cova da Terra, R/das Nóreas, nº 12, Lugo, chamando ao teléfono  nº 657887632, ou ao enderezo amesalugo@hotmail.com.

Cultura