Moita “merda” para o teatro galego

Moita “merda” para o teatro galego

22 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O teatro galego vive mañá a súa gran festa anual, coa cerimonia de entrega dos XV Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
O teatro Rosalía de Castro da Coruña será o recinto que acolla, un ano máis, esta cita na que se entregan os 13 galardóns a concurso, así como o Premio de honra Marisa Soto, que neste 2011 recae no actor, autor e director Xan Cejudo.O histo

A cerimonia, que comeza ás 20:30 horas, mobiliza a máis de 70 profesionais. Unha troupe de artistas animará o exterior do recinto, que se converterá nun moi particular circo cheo de seres fantásticos como bailarinas zombis, cómicos excéntricos, trapecistas vampiros, cabareteiras siamesas e números sorpresa.

A dirección conxunta do espectáculo corre a cargo de Carlos Sante e de Juanillo Esteban. A dirección musical será de Gastón Rodríguez; a idea orixinal e guión, de Willy Éter; Suso Montero é o autor da imaxe gráfica da gala así como do deseño da escenografía e vestiario; produción executiva e coordinación xeral de Marta Horjales. Presentarán Gonçalo Guerreiro e Pedro Brandraiz, acompañados de artistas como o escocés Johnny Melville.

13 categorías a concurso

Repasando a listaxe de finalistas aos premios temos que Un cranio furado, de Producións Teatráis Excéntricas obtivo 10 nomeamentos; e Memoria de Helena e María, de Teatro do Atlántico, e As actas escuras, do Centro Dramático Galego, acadaron 7 cada unha. Son as obras que contan cun maior número de finalistas.

Life is a paripé, de Obras Públicas, e Volpone, de Talía Teatro, suman 4, mentres que Super8, de Voadora, obtivo 3 postos nomeados. Trogloditas, de Tanxarina, e O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca, de Sarabela Teatro, acadaron 2 nomeados.

1 posto de finalista foi, respectivamente, para A Nona, de Teatro do Morcego; Limpeza de sangue, de Espello Cóncavo; e Memorias das Memorias dun neno labrego, de Abrapalabra.

Deste xeito, 11 espectáculos, dos 37 que se presentaban acadaron algún posto de finalista para estes galardóns. En total, 425 profesionais das artes escénicas e audiovisuais eran aspirantes nalgunha das 13 categorías en concurso: mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal, mellor adaptación- tradución, mellor texto orixinal, mellor escenografía, mellor actriz secundaria, mellor actor secundario, mellor actriz protagonista, mellor actor protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo.

Os XV Premios María Casares contan coa colaboración, entre outros, de AGADIC, Concello da Coruña, Fundacion AISGE, Novacaixagalicia, GADISA, Concello de Ames, Cadena Ser e TVG

Sociedade