Moitos danos materiais polos anegamentos en Fene e Neda

Moitos danos materiais polos anegamentos en Fene e Neda
14 de Novembro, 2023 - 12:31 h. | Publicada por Radio Fene

Inundacións en Fene. Os servizos municipais e os bombeiros de Ferrol traballan para achicar a agua. Ademais, o Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA colabora cos equipos locais de emerxencia para facer fronte aos efectos das inundacións en Fene. Un semi remolque de achique e unha furgoneta de usos varios da Axencia Galega de Emerxencias apoian nos labores de restauración tras as fortes chuvias e inundacións. "Os danos foron cuantiosos" afirmou esta mañá en Radio Fene o alcalde de Fene Juventino Trigo. 

ESCOITA O PODCAST:

Juventino Trigo formula recomendacións para a veciñanza das vivendas nas zonas máis próximas aos ríos:

http://173.255.131.18/audio/141123TRIGO.mp3

Río Cádavo esta mañá

Fene e Neda están a ser os Concellos máis castigados polos efectos do último fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por chuvias, que conflúe co caudal dos ríos constantemente en alza. A Xunta de Galicia mantén activo o Plan de Protección Civil Inungal ante a posibilidade de rebordamentos, como así aconteceu en Neda, onde varias vivendas resultaron completamente asolagadas polo crecemento do caudal dos ríos, na parroquia de Santa María. Ninguén sufriu danos, pero a situación é complexa, tanto pola altura da auga como pola corrente (son coma riadas), e dificulta o acceso, polo que moitas persoas quedaron atrapadas nas súas propias casas. A recomendación é manterse nas zonas máis altas da vivenda, mentres os equipos de emerxencia establecen as medidas de seguridade necesarias para efectuar os rescates cos menos riscos posibles. Con este obxectivo traballan medios e recursos como os Bombeiros de Ferrol, o GES de Mugardos, axentes da Garda Civil e da Policía Local. Agora incorpóranse os técnicos do Grupo de Apoio Loxística da Axencia Galega de Emerxencias con material e maquinaria destinada á extracción de auga. Nun primeiro momento, intervirán en Fene, na Estrada da Palma, onde un escenario semellante impide o acceso a vivendas e, por tanto, ás persoas. Durante esta madrugada, a situación en Perlío foi emperando debido ao aumento do nivel da auga, que, ademais, acadou unha forza tal de arrastre que fixo moi difícil a chegada dos equipos de emerxencias. Con todo, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que prestaron atención telefónica, e mesmo enviaron dotacións ata os puntos máis próximos ás persoas por se fose necesaria unha evacuación de urxencia. Ata este intre, non foi necesario, e séguese insistindo na recomendación de que as persoas se manteñan nas partes máis altas das casas. O 112 Galicia xestionou desde as 12 horas de onte ata as 8 desta mañá un total de 220 incidencias relacionadas coa situación meteorolóxica e hidrolóxica, das cales 50 producíronse durante a noite, entre as doce e as 08:00 desta mañá.A maior parte das intervencións (112) estiveron motivadas polos asolagamentos en rúas, estradas, vivendas, baixos e garaxes. En menor medida, rexistráronse árbores caídas (47) e desprendementos de terras e pedras (16). Con diferencia, a Coruña acumulou o maior número de incidencias relacionadas con este episodio (172), e os concellos máis afectados foron Fene, Neda, Ferrol, Narón, Mugardos, Ares, Cabanas, Miño, Pontedeume, Outes, Dumbría e Mazaricos.  En Neda son cuantiosos os danos materiais na zona de Santa María tras unha avalancha de auga sufrida esta madrugada. A veciñanza de Santa María trata a estas horas de recuperar a calma, mentres fai balance dos numerosísimos danos materiais provocados pola avalancha de auga rexistrada de madrugada. A crecida do río Basteiro, por mor das intensas chuvias caídas nas últimas horas, derivou en desbordamentos, chegando a provocar a caída dun muro que contiña as augas. E isto ocasionaba unha inmensa riada que levaba por diante canto encontraba. Efectivos de Protección Civil e operarios de mantemento municipais están a colaborar cos residentes da zona afectada, achicando auga das vivendas. O Concello de Neda ten previsto instalar contedores para facilitar a retirada de mobiliario estragado,  e baralla a colocación de grandes sacos de area e grava no lugar que ocupaba o muro caído, buscando que coa crecida de nivel do río, a auga non volva chegar ás casas. A estas horas mantense a situación de alerta. Tamén na zona de As Augas producíronse danos, se ben non revestiron tanta gravidade. E nestes momentos, está cortado o acceso dende O Roxal á pista do Carballal.
 

Institucional

Publica o teu comentario agora