As multas do radar das Pias

As multas do radar das Pias

24 de Setembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Bloque Nacionalista Galego de Fene insiste na necesidade de negociar co Ministerio de Fomento para que a recadación do radar fixo das Pías revirta nas arcas municipais. Unha sentenza xudicial indicando que as sancións por superar a velocidade nese tramo deben ser impostas polo Concello, respalda esa petición, segundo os nacionalistas.

O voceiro do Bloque Manuel Polo defende que dalgún xeito Fene debe ser recompensado polo constante tráfico interurbano que soporta nas súas vias urbanas. Afirma que o diñeiro podía revertir na mellora da N-651, na construcción de beirarruas na entrada de Fene, entre a Porta do Sol e a curva de Santa Ana.

A sentenza xudicial

O Tribunal Contencioso Administrativo 4 da Coruña, con data de 23 de marzo de 2011, estimou o recurso presentado en contra dunha multa de tráfico que foi imposta pola Dirección Xeral de Tráfico a un condutor que excedeu o límite de velocidade de 50 quilómetros por hora, nesta vía urbana de Fene, na que as competencias recaen na Policía Local.

Concretamente, trátase da estrada FE-14, de Fene (A Coruña). O radar está situado no punto quilométrico 4,2 ao comezo da Ponte das Pías, que enlaza o municipio con Ferrol.

O condutor que presentou o recurso fora sancionado en 2009 con 100 euros de multa por circular a 70 quilómetros por hora nun tramo limitado a 50. Inicialmente, interpuxera un recurso ordinario contra a multa ante o Centro de Tratamento de Denuncias Autorizadas, pero que foi desestimado.

Tras a presentación dun recurso contencioso-administrativo, a maxistrada Blanca María Fernández Conde estima que, segundo o informe emitido pola Policía Local de Fene, o punto quilométrico no que está situado o radar é un "tramo de vía de características urbanas, catalogada como urbana no correspondente plan urbanístico do concello", onde ten a consideración de "travesía" e "dispón unha vía alternativa", a AP-9, que nese tramo carece de peaxe.

Así, establécese que a competencia para denunciar é da Policía Local e da Alcaldía para instruír e sancionar, ao amparo do disposto na normativa de aplicación Regulamento xeral de estradas aprobado por Real Decreto 1812/2003 de 2 de setembro.

Por este motivo, na sentenza declárase a nulidade da multa. O fallo, que podería crear xurisprudencia sobre radares situados en vías urbanas, non pode ser recorrido.

 

Sociedade