Núñez Feijóo: Iberdrola aporta a diversificación industrial

Núñez Feijóo: Iberdrola aporta a diversificación industrial

09 de Xaneiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O presidente da Xunta mantivo hoxe unha reunión con Ignacio Sánchez Galán, presidente de Iberdrola, compañía que acaba de asinar un contrato cos estaleiros de Navantia en Fene. Feijóo destaca que a carteira de contratos dos estaleiros de navantia en Ferrolterra ascende a 600 millóns de euros, "o que permite afrontar o 2015 con mellores perspectivas para seguir incrementando a carga de traballo na ría de Ferrol".

Explicou Núñez Feijóo que o proxecto de Iberdrola con Navantia Fene prevé a fabricación de 29 estruturas de anclaxe (jackets) para os aeroxeradores que se instalarán no parque eólico mariño de Wikinger, que a eléctrica está a desenvolver en Alemaña, en augas do Báltico. Destaca o presidente da Xunta que este contrato cos estaleiros de Fene ascende a 90 millóns de euros e que suporá a creación de 450 empregos durante os vinte meses que duren os traballos que, en períodos de maior carga de actividade, poden alcanzar os 700 postos de traballo.

Adiantouse que a eléctrica sumará a este proxecto con Navantia a compra á empresa viguesa Industrias Ferri de 71 guindastres para a carga de equipos na montaxe deste parque eólico mariño, cun investimento de 7 millóns de euros. Expresa o mandatario galego a súa satisfacción polo acordo acadado entre Iberdrola e Navantia, que acredita a competitividade do naval galego e a capacidade do tecido industrial de Galicia, “capaz de competir en prezo e en calidade para os grandes provedores e para as grandes empresas de España e Europa”

Núñez Feijóo asegura que non só terá un impacto directo sobre o emprego no sector naval de Ferrolterra, posto que suporá máis carga de traballo para os estaleiros de Navantia, senón que supón abrir a porta ao gran reto que ten ante si a industria galega, que é a súa diversificación.

Recoñeceu así que a reunión mantida hoxe co presidente de Iberdrola, á que tamén asistiron os alcaldes de Fene, Gumersindo Galego Feal, e de Ferrol, José Manuel Rey Varela, vén constatar por un lado, a aposta comercial dunha compañía eléctrica líder pola industria galega. Por outro, que o Goberno galego vai seguir traballando, contactando con empresas e dando a coñecer toda a capacidade do tecido industrial de Galicia, “capaz de competir en prezo e en calidade para os grandes provedores e para as grandes empresas de España e Europa”. E, por último, “que o noso sector industrial ten presente e ten futuro”.

Que Navantia Fene sexa adxudicataria deste contrato con Iberdrola, proseguiu, terá un impacto directo, primeiramente, sobre o emprego no sector naval de Ferrolterra, posto que suporá máis carga de traballo para os estaleiros de Navantia. Pero, ademais, dixo, supón abrir a porta ao gran reto que ten ante si a industria galega, que é a súa diversificación. “O estaleiro ten que diversificarse, non só ten que facer barcos, ou reparalos, senón que ten que facer todo aquilo que na industria metalúrxica sexa posible construír nas instalacións de Fene e Ferrol” e no conxunto da comarca.

Sociedade