Nace en Galicia o primeiro centro de apoio ao empregador

Nace en Galicia o primeiro centro de apoio ao empregador

21 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A Coruña xa conta co primeiro centro de apoio ao empregador de Galicia, que abriu as súas portas en Zalaeta. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou  hoxe as novas instalacións nas que o departamento autonómico investiu un total de 205.000 euros. Ademais, Mato anunciou que Vigo acollerá en xuño a segunda oficina destas características da comunidade autónoma.

Trátase dun centro no que os empregadores recibirán apoio nas diversas etapas do proceso de contratación, como asesoramento e acompañamento para a definición das súas ofertas de emprego e apoio no proceso de selección de candidatos, incluíndo un despacho específico para a realización de entrevistas. 

Ademais, no centro de Zalaeta controlaranse e seguiranse exhaustivamente as ofertas que non acaden demanda, xa que, segundo incidiu Mato, “nesta época de crise ningunha oferta pode quedar sen cubrir”. Así mesmo, os empregadores recibirán información e formación sobre contratos, incentivos, cualificacións e plans de formación. 

“Tamén pensamos nos emprendedores e, por iso, desde esta oficina prestaráselles o apoio necesario para a posta en marcha dos seus proxectos”, apuntou a conselleira.  

A finalidade desta iniciativa novidosa é mellorar a eficacia da intermediación laboral. “Con este proxecto Galicia sitúase novamente á vangarda da mellora dos recursos públicos de emprego”, destacou a titular de Traballo.  

Nesta aposta da Xunta por mellorar a eficiencia do Servizo Público de Emprego, Mato lembrou que a Xunta está a investir desde o ano pasado 7,5 millóns cada exercicio ata 2013 nun plan de modernización acordado cos empresarios e sindicatos no seo do diálogo social.  

Ao respecto, sinalou que desde o ano pasado se están a desenvolver obras de mellora na rede de oficinas da Xunta, así como avances na posta en marcha da oficina virtual. Ademais, resaltou que o próximo mes de abril estará rematado o proceso de clasificación do 100 por cento dos demandantes. “Este labor será o punto de partida que garantirá a correcta orientación dos desempregados cara aos itinerarios con mellores perspectivas de inserción laboral”, concretou.  

Por último, a conselleira animou aos empresarios e emprendedores a aproveitar “ao máximo” as posibilidades que ofrece a nova oficina de Zalaeta, xa que apuntou que con estas instalacións “Galicia colle novos pulos para saír desta conxuntura máis forte, con máis e mellores servizos e con máis e mellores empregos”.

Sociedade