Neda quere que o seu pan sexa de interese turístico

Neda quere que o seu pan sexa de interese turístico

04 de Febreiro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A concelleira de Promoción Turística, Montse Rico, anunciou esta mañá a firme intención do Concello de buscar e conquerir a adhesión de toda a sociedade nedense á petición formulada pola Administración local ante a Xunta de Galicia para que a
Festa do Pan sexa declarada de Interese Turístico de Galicia coincidindo co seu XXV aniversario. Con ese ánimo, o Concello estreaba nova imaxe corporativa de tan destacado producto.

O Concello iniciará unha campaña de promoción da propia candidatura a este recoñecemento e, por ende, da marca Pan de Neda coa que se pretende que todos os locais, establecementos, negocios ou incluso vivendas e edificios que o desexen luzan esta petición en forma de cartel. Para iso, a Administración local iniciará nos próximos días o reparto dos carteis. En todo caso, anima aos veciños e veciñas particulares que desexen participar a achegarse ao consistorio e solicitar o cartel, xa que o
reparto estará limitado aos establecementos de comercio e hostelería.

Así mesmo, a concelleira Montse Rico mostrou a súa confianza nunha resposta positiva por parte da Xunta á petición de Neda. Unha petición en forma de expediente que o Concello presentaba no mes de decembro. A Festa do Pan é un evento anual de exaltación do produto gastronómico por excelencia da real vila co que se pretende promocionar, exaltar e dignificar
o labor das forneiras e forneiros locais. Dende o ano 1989 vénse celebrando con continuidade, organizada nos seus inicios pola asociación de veciños de Ancos e facéndoa coincidir co remate das festas de Santa María de Neda.

Xa dende hai anos a súa data de celebración é facilmente identificable, o primeiro domingo de setembro, no Paseo Marítimo de Xuvia, á altura do Albergue de Peregrinos. O día anterior, o sábado, celébrase unha camiñada guiada pola Ruta dos Muíños", visitando un forno e algúns muíños, onde se ve o proceso do pan, con degustación incluída. Na edición deste ano avanzase que haberá un bo número de novidades nas que traballa para presentar no menor espazo de tempo posible.

Sociedade