A nova páxina web de Turismo de Ortigueira preséntase en Fitur

A nova páxina web de Turismo de Ortigueira preséntase en Fitur

21 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, explicou hoxe na Feira Internacional do Turismo de Madrid (Fitur) a importancia de seguir desenvolvendo as novas tecnoloxías da comunicación dentro do eido turístico, no marco da presentación da nova páxina web de Turismo de Ortigueira e da XXVII Edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2011,  que se celebrará na vila coruñesa entre os días 7 e 10 de xullo de 2011.

Carmen Pardo, que estivo acompañada polo alcalde de Ortigueira, Rafael Girón Martínez e Mary Cruz Sabio, concelleira de Turismo desta vila mariñeira, afirmou, durante a súa intervención, que “as novas tecnoloxías e a comunicación permiten hoxe, mellor que nunca, darnos a coñecer, relacionarnos, difundir o noso traballo e promocionar calquera destino”. Deste xeito, Carmen Pardo gabou a aposta pola desestacionalización do turismo que se está a realizar nesta área  “con distintos programas de visitas guiadas e a recuperación e sinalización de distintas rutas, pensadas para diferentes públicos”.
 
Ademais a secretaria xeral para o Turismo destacou a beleza do espazo natural da propia ría, “encastrada nunha paisaxe de serra e, en xeral, o conxunto do patrimonio natural e cultural co que conta a zona”, mencionou a importancia de seguir potenciando paquetes e produtos turísticos axeitados para pór en valor o turismo mariñeiro de Galicia. Nese sentido, mencionou o programa, ‘Vive Galicia 2011’, que ofrece ata o mes de marzo 122 paquetes de turismo experiencial, moitos deles vinculados ao turismo na costa, ou o produto ‘Turismo mariñeiro’, xestionado a través de Turgalicia, e artellado ao redor de oito áreas xeográficas de toda Galicia: A Mariña lucense, Ferrol-Eume-Ortegal, A Coruña-Golfo Ártabro, Costa da Morte, Ría de Muros-Noia-Arousa, O Salnés, Terras de Pontevedra-O Morrazo, Ría de Vigo-Baixo Miño.

“Este produto une a autenticidade e singularidade da cultura marítima de Galicia cunha coidada selección de aloxamentos rurais para propoñerlle ao visitante experiencias únicas como visitar calquera dos 55 faros que atopamos en portos, cantís e illas; embarcar nun antigo barco boniteiro reconvertido en museo ou mergullarse no colorista rebumbio dunha lonxa e coñecer o particular sistema de poxa dos distintos produtos do mar”, explicou a secretaria xeral.

Por outra banda, Carmen Pardo tamén felicitou ao concello pola celebración do Festival Internacional do Mundo Celta 2011, que se celebrará do 7 ao 10 de xullo deste ano, e que chega á súa vixésimo sétima edición. “Este festival, un dos referentes mundiais do folk e da música do mundo, contribuíu durante un cuarto de século a un desenvolvemento crecente da comarca do Ortegal, a melloras dotacionais e ao asentamento de numerosos servizos turísticos que redefiniron a economía local”, indicou a secretaria xeral. 

O Festival Internacional do Mundo Celta 2011 foi declarado en 2005 Festa de Interese Turístico Internacional despois de obter dous anos antes a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional.

Sociedade