Nova solta de alevíns de lumbrigante en Carnota

Nova solta de alevíns de lumbrigante en Carnota

28 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

A Consellería do Mar, a través do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), soltou hoxe 1.400 exemplares de lumbrigante na zona de Mar de Lira. O obxectivo desta iniciativa, enmarcada no Plan de Repoboación de Especies Mariñas, é aumentar a poboación de certas especies e devolverlle a estabilidade á pesca de baixura.

Os lumbrigantes liberados hoxe medían 6 centímetros de lonxitude e pesaban 5 gramos aproximadamente. Os exemplares soltados levan unha etiqueta magnética codificada que se introduce no seu interior co fin de facer un seguimento. Así, cando un mariñeiro pesca un exemplar avisa aos técnicos da reserva mariña. A través dun detector de metais que le a etiqueta, os técnicos comproban se se trata dun exemplar de repoboación. Se é así e o exemplar é pequeno a Consellería pide aos mariñeiros que o entreguen para o seu estudo. A cambio fáiselle un agasallo. Se o exemplar acada a talla comercial mércase ao prezo máis alto que acada na lonxa.

Esta solta é a segunda do ano, a primeira realizouse o pasado 9 de abril, daquela a Consellería liberou 1.100 xuvenís de lumbrigante. Está previsto que entre setembro e outubro a Consellería do Mar, a través do IGAFA, libere máis exemplares.

A solta realizada a comezos de abril foi levada a cabo por varios mergulladores mentres que a se realizou hoxe foi a pé dende a beira do mar. Con isto, a Consellería do Mar pretende establecer unha comparativa da evolución das especies.

Dende a posta en marcha do Plan de Repoboación de Especies Mariñas, en outubro do 2005, liberáronse no medio mariño un total de 37.000 alevíns de rodaballo e 17.921 xuvenís de lumbrigante, sempre co propósito de incrementar a abundancia das especies máis castigadas pola pesca e contribuír á súa recuperación.

Sociedade