Nova xornada de temporal en Galicia

Nova xornada de temporal en Galicia

22 de Outubro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Unha nova xornada de temporal vivirá Galicia neste martes. Segundo Meteogalicia, estaremos "baixo a influencia dunha borrasca centrada ó sudoeste de Irlanda, que impulsará cara Galicia ventos fortes do sudoeste. Con esta situación, agárdanse intervalos anubrados con chuvascos, ocasionalmente treboentos con aparato eléctrico, máis frecuentes canto máis ó oeste de Galicia. As temperaturas non experimentarán cambios significativos,

O Centro de Atención ás Emerxencias 112-Galicia rexistrou na tarde do luns un total de 127 incidencias relacionadas co temporal de chuvia e vento que afecta á Comunidade. As provincias atlánticas condensaron a maior parte das intervencións. Neste sentido, o 83 por cento dos incidentes foron en A Coruña, o 15 por cento aconteceron en Pontevedra e o 3 por cento restante en Lugo e Ourense. En canto á tipoloxía, 32 intervencións foron por inundación de rúas, 16 por inundación de vivendas e 17 por inundación de estradas; así mesmo, rexistráronse 15 bolsas de auga en estradas e 14 incidencias por caída de árbores ou ramas. Na rede viaria, a acumulación de auga provocou problemas na circulación na AC-12 en Oleiros e na AG-64 en Ferrol. Nas cidades galegas tamén houbo problemas de circulación pola inundación de rúas.
Dous desprendementos de terra afectaron así mesmo a circulación ferroviaria. En Ferrol, a caída dun noiro que bloqueou a vía de Renfe métrica, a antiga Feve, o que afectou polo menos a seis conexións ferroviarias e obrigou a realizar transbordos de pasaxeiros en autobús entre Ferrol e a zona de Xuvia. Na Coruña, así mesmo, unha pequena derruba afectou á liña convencional na saída da cidade, aínda que sen "incidencia para a circulación". O punto de maior actividade para os servizos de emerxencias tivo lugar entre as 18.00 e as 19.00 horas. A Consellería de Educación decidiu suspender todas as actividades no exterior das instalacións dos centros educativos situados no oeste e sueste de A Coruña.
O temporal de chuvia e vento deixou ventos de ata 135 quilómetros por hora e chuvias acumuladas de máis de 74 milímetros. En Castro Vicaludo, en Oia (Pontevedra), é o punto que rexistra un refacho máis elevado, de 134,9 quilómetros por hora. Ségueno as illas Lobeiras e Lira, en Cedeira (A Coruña), con 120,5 e 119,8 quilómetros por hora, respectivamente. Pola súa banda, a parroquia de Fontecada, en Santa Camba, tamén na provincia coruñesa, acumula ata 104,9 milímetros de auga coas últimas chuvias, seguida dos 74,2 de Santiago; 70,7 en Oroso, 56 en Ferrol e 40,2 na estación de Lourizán (Pontevedra).

Sociedade