Novas instalacións deportivas

Novas instalacións deportivas
21 de Xuño, 2023 - 06:24 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene estrea o seu primeiro parque de calistenia. Situado en Barallobre, no recinto das pistas de atletismo do Pazo, o primeiro parque de calistenia que pon en marcha a Concellería de Deportes de Fene xa está listo.

“Incentivar a realización de actividade física pola totalidade da poboación nas diferentes parroquias” e “poñer a disposicións da veciñanza un novo espazo no que practicar este método de adestramento físico no que se traballa co peso do corpo e que cada día gaña máis adeptos”, son os principais obxectivos que se pretenden acadar coa montaxe desta instalación. O Concello escolleu o emprazamento, próximo ao instituto de Fene, como complemento ás instalacións xa existentes na zona e para favorecer que o alumnado do IES teña unha zona de esparcemento onde poder realizar actividade física ao aire libre nos seus tempos de lecer.

A instalación conta con dúas zonas, unha delas adaptada para persoas con discapacidade aínda que tamén poderá exercitarse nela o público en xeral. Así, en calquera dos seus circuítos -dotados con paralelas, escaleira horizontal, aneis, corda, etc- os usuarios poderán realizar flexións, abdominais, traballar a forza, facer dominadas, subir a corda e traballar diferentes partes do corpo en espaldeiras, paralelas, etc.

Segundo a Concellería de Deportes, entre os múltiples beneficios que se derivan do uso deste tipo de recintos deportivos, salienta que son espazos para o adestramento ao aire libre, o que pode ser máis gratificante que facer exercicio nun espazo pechado, a gratuidade do seu uso, a socialización e os beneficios puramente físicos xa que pode mellorar a coordinación, a flexibilidade, o equilibrio, a forza,... e todo iso sen empregar pesos adicionais, xa que a calistenia se centra nos movementos naturais do corpo coa axuda dos diferentes aparellos.

Para facilitar o seu uso, o parque contará cun panel informativo no que se indicarán os exercicios a realizar en cada unha da súas zonas, polo que poderá ser empregado tamén por persoas que nunca realizaran este tipo de exercicio con anterioridade.

 

Deportes

Publica o teu comentario agora