Novo ataque ao furtivismo en Neda

Novo ataque ao furtivismo en Neda

25 de Outubro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Axentes de Gardacostas da Consellería do Mar, realizaron un operativo de madrugada na ría de Ferrol que se saldou coa identificación de 3 persoas, co comiso de 77 quilos de ameixa babosa e coa incautación de varios útiles. O operativo desenvolveuse nas zonas de O Couto e Neda e a ameixa comisada, extraída de xeito ilegal, foi resembrada na zona.

 Ademais os Gardacostas incautáronse de 18 útiles, entre eles, 3 raños, 5 pranchas de poriespán, 2 traxes de neopreno, 2 lanternas, 4 salabardos, 1 sacho e 1 cadea. Na intervención, os axentes levantaron actas de presunta infracción ás tres persoas identificadas.

A Consellería do Mar lembra á cidadanía que o marisco extraído e comercializado de xeito ilegal non conta con ningunha garantía comercial nin sanitaria. O seu consumo pode supór un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Ante o risco que supón inxerir estes produtos cando non son extraídos de xeito legal, o departamento que dirixe Rosa Quintana pide ao consumidor que non compre produto que non conte con todas as garantías.

Sociedade