O “rock de batea” de Korosi Dansas

O “rock de batea” de Korosi Dansas

29 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

Corría o ano 1988 en Vilagarcía, cando catro arousáns con ansias reivindicativas e de protesta deciden combater as inxustizas sociais, culturais e políticas cos instrumentos como arma. Eran Xurxo Romero e Manuel Seixas á guitarra e á voz; Xosé Porto ao baixo e na voz; e Roberto Camba coa batería e as danzas. Xuntos formaron Korosi Dansas. A súa base operativa estaba situada na Casa da Xuventude da

Korosi Dansas comezan a súa andaina musical no 88, pero non sería ata 1995 cando editan o seu primeiro disco, Cordura no que atopamos “Faneca” ou “Desorden en la ría”. Entre estes anos a banda percorre os escenarios do país participando en multitude de festivais, sobre todo, reivindicativos. Tamén tomaron parte nunha manchea de certames musicais, foron finalistas do Racha Coas Ondas, semifinalistas do V Concurso de Maquetas da revista Rockdelux e finalistas no 92 do Concurso de Pop Rock Villa de Bilbao.

Finalmente, despois de moito traballo e perseveranza, Xurxo Romero, Manuel Seixas, Josito Porto e Roberto Camba sacan á rúa Cordura, un disco no que inclúen 18 cancións que supoñen un repaso da súa traxectoria. A portada amosa un sinal de sentido obrigatorio queimándose nunha cacharela, segundo contan, unha foto que lles pareceu moi adecuada porque “se nos din ide por aí, nós imos por outro lado”. A instantánea, tirada por un amigo da banda, titúlase “Lume obrigatorio”, ao igual que un dos temas do traballo.

Outro dos cortes reivindicativos do seu debut é “Maruxa” no que denuncian a construción exacerbada en Cortegada.

En 1996, como moitas das bandas do movemento bravú participan no Xabarín Club, aportan dous temas ao compilatorio A cantar con Xabarín, “Os Galisáns” e “Xuntos e revoltos”.

Un ano despois e xa cun importante recoñecemento, Korosi Dansas editan da man da discográfica Chorima o seu segundo e derradeiro disco Non!. Un traballo producido por Segundo Grandío no que alcanzan a madurez sen renunciar aos seus principios e que se abre con “Chernobil Potemkin”.

Seguen a apostar pola variedade musical, mesturando ska, rock, pop ou reggae agora aderezada co saxo de Santi Frutos. Outra das composicións incluídas en Non!, unha das mellores, é “Amén, Amén”. O traballo péchase con “Hoy y ayer y también mañána (o, por favor tócame)”, unha invitación á anarquía.

A viaxe musical de Korosi Dansas remata en 1997, pero algún dos roqueiros de batea segue subindo aos escenarios, é o caso de Josito Porto membro de Magritte ou Manuel Seixas que continuou a súa carreira musical en solitario

Cultura