O 25 de xullo e Rivera Arnoso

O 25 de xullo e Rivera Arnoso

13 de Xullo, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A declaración institucional do Concello de Fene co gallo do 25 de xullo correrá a cargo de Xosé María Rivera Arnoso, segundo anunciou esta mañá o alcalde Gumersindo Galego. "Queremos recoñecerlle, entre outras cousas, que veñamos conmemorando, ano tras ano, o Dia Nacional de Galicia, ou como adoita dicir el, o Dia da Patria Galega.

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego Feal, e as concelleiras de Cultura e Deportes e Benestar Social, Rocío A. Bértoa Puente e Juana Barro Couto, presentaron esta mañá a programación sociocultural do ciclo “Día Nacional de Galicia”. Gumersino Galego Feal salientou que vai para catorce anos dende que a corporación municipal de Fene acordara, por unanimidade, conmemorar o “Día de Galicia” desenvolvendo unha programación cultural na Praza do Concello, xusto na semana anterior ao 25 de xullo.

 

As corporacións que nos precederon esforzáronse en poñer en valor o fondo significado desta data, dándolle o nome de “Día da Patria Galega” a unha das rúas que pecorren a parroquia de Barallobre ou ao monumento no que, dende hai dez anos, lése a declaración institucional que o Concello encarga a unha persoa de recoñecida proxección na vida política o cultural. Declaración que en anos anteriores correou por conta, entre outros, de Xosé L. Méndez Ferrín, Bieito Iglesias, Rosa Aneiros, Matilde Castro, Eduardo Estévez, Rafa Villar, Iria López Teijeiro, Marilar Aleixandre, Carlos Negro, Dulce López ou Agustín Fernández Paz.

 

Neste ano correspóndelle á corporación que presido o deseño desa programación cultural. pensada para satisfacer os gustos de todos os públicos e para todas as idades.

 

Continuou a súa intervención salientando que a declaración institucional correrá, nesta ocasión, a cargo de Xosé María Rivera Arnoso, unha persoa cuxo labor á fronte da alcaldía de Fene e na esfera política galega é de abondo coñecido por todos. Un veciño de Fene ao que, deste xeito, queremos recoñecerlle, entre outras cousas, que veñamos conmemorando, ano tras ano, o “Día Nacional de Galicia” ou como adoita dicir el, o “Día da Patria Galega”.

 

Pola súa banda, Rocío A. Bértoa Puente, fixó fincapé en que se trata dunha programación dirixida aos diferentes tipos de público e para todas as idades que se desenvolverá do 17 ao 20 de xullo na carpa instalada na Praza do Concello.

 

O ciclo do “Día Nacional de Galicia”, comeza o vindeiro martes, 17 de xullo, cun espectáculo de maxia para toda a familia que sorprenderá a novos e maiores. Un dos máis prestixiosos magos do panorama galego, o MAGO XACOBE, fará un percorrido polos seus trece anos como mago profesional ofrecéndonos os trucos máis espectaculares do seu amplo repertorio. A actuación terá lugar ás 22 h.

 

A “I Festa dos Avós”, que comezará o mércores ás 21:00 h, é unha das grandes novidades deste ano. Trátase dunha actividade organizada pola Área de Benestar social coa que se pretende satisfacer a demanda formulada ao Alcalde pola Asociación da Terceira Idade de Fene. A xornada, enfócase como unha xornada de convivencia na que queremos homenaxear ás persoas  maiores e aos seus descendentescunha festa pensada para e por eles. E como en toda festa, non ha faltará o xantar (distribuiranse racións de paella entre os asistentes; freixós e carne de poldro cociñados grazas á colaboración da A.VV San Xurxo de Magalofes ) e o baile. Nesta ocasión, a música correrá por conta do grupo fenés “Dúo Caramelo”. O xantar será totalmente grauíto, non así as bebidas e a recadación que se obteña por esta venda entregarase a Caritas.

 

O único acto que non terá lugar na Praza do Concello, é a lectura da declaración institucional. O “Monumento ao Día da Patria Galega”, situado no Parque Liñal do Río Cádavo e do que se cumpren dez, acollerá ás 20:00 h as palabras de Xosé María Rivera Arnoso e a interpretación do himno galego a cargo do Coro Infantil de Agarimo de Sillobre.

 

De tradicional, porque xa chega á súa sétima edición, cualificou o Festival de Habaneiras. A partir das 21:00 h, as corais O Pote de Maniños, Eterna Xuventude, Polifónica de San Valentín e Polifónica de Maniños así como as rondallas Perla del Río e Estrelecer achegarannos a un xénero musical de “ida e volta”, as habaneiras, cuxa letras reflicten tanto a nostalxia que produce deixar a terra como, unha vez en Galicia, as lembranzas da fermosa illa do Caribe.

 

E rematará o ciclo con música, retomando a canción de autor. O berciano Amancio Prada, quen mellor musicou tanto aos nosos poetas como a moitos poetas casteláns, volve a Fene cun repertorio especial.

 

Na súa voz, co só acompañamento da guitarra, recordaremos os versos de Rosalía de Castro, nestas datas nas que se cumpre o 150 aniversario da publicación de “Cantares Gallegos” e o 127 cabodano do seu pasamento da poetisa; escoitaremos algúns dos poemas galegos de Federico García Lorca, poemas aos que Blanco Amor non foi alleo, ou unha boa escolma da poesía neotrobadoresca do xenial Álvaro Cunqueiro.

 

Rematou a súa intervención sinalando que estamos ante unha ampla e diversificada programación coa que esperan satisfacer as espectativas da veciñanza de Fene e converter o noso Concello nun lugar de encontro cos veciños e veciñas da comarca.

Sociedade