O alcalde de Arzúa solicita ante o Consorcio Galego de Benestar a ampliación da Escola Infantil

O alcalde de Arzúa solicita ante o Consorcio Galego de Benestar a ampliación da Escola Infantil

11 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O Alcalde de Arzúa, Xaquín García, reuniuse esta mañá co Xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, Roberto Rodríguez, coa finalidade de solicitar unha ampliación da Escola Infantil de Arzúa dado que a día de hoxe o centro ten cubertas todas as súas prazas e conta cun total

A escola infantil de Arzúa conta con tres unidade ( 0-1 ano, 0-3 anos, 2-3 anos), tendo un total de 43 prazas. No presente curso, ao igual que en anos anteriores, a demanda de prazas está sendo alta, dándose a circunstancia de que dende o proceso de admisión de xuño, xa se conta con lista de agarda. Nestes intres, e tras a baremación efectuada no mes de decembro, a escola ten cuberta todas as súas prazas de mañá e a citada lista de agarda conta cun total de 12 nenos.

Segundo se informou dende a propia dirección do centro, na actualidade aínda se seguen a recibir novas solicitudes, posto que os demandantes non son só do Concello de Arzúa senón doutros municipios limítrofes e de pais e nais que teñen os seus postos de traballo en Arzúa. Incluso se dan casos nos que dada a escaseza de prazas, algunhas familias desisten na presentación da solicitude.

O Alcalde de Arzúa puxo esta situación en coñecemento do Xerente do Consorcio coa finalidade de que estuden a posibilidade de ampliación do centro ante a gran demanda existente e dada a “importancia de ofrecer aos veciños un servizo que lles permitan conciliar a súa vida laboral e familiar”.

Xaquín García entregou ademais unha copia do proxecto de ampliación do recinto no que se contempla a construción de dúas novas aulas. Estas acondicionaríanse no espazo que actualmente ocupa o patio interior e contarían cos correspondentes aseos e a zona de almacenamento de xoguetes. Neste caso, tamén se habilitaría unha saída ao patio exterior polo lateral dereito do edificio, creándose unha zona cuberta exterior que faría as veces de patio. O proxecto tería un custe de 118.019,80 euros.

O Alcalde de Arzúa amosouse confiado en que “dende a Xunta teñan en conta a situación actual da escola infantil de Arzúa e procedan a atender a nosa solicitude coa maior premura”. Xaquín García destacaba ademais que as cifras récord de matrícula no centro son un indicio claro de que “o servizo que se presta é moi bo e de que contamos coas mellores profesionais o que significa que os pais e nais que solicitan este servizo teñen asegurada a calidade nunha prestación tan importante como é o coidado dos seus fillos e fillas”.

Institucional