O Belén de Begonte presentou a súa XXXVIII edición

O Belén de Begonte presentou a súa XXXVIII edición

27 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Belén de Begonte xa ten punto de partida. Será o vindeiro 5 de decembro cando se produza a súa inauguración oficial, segundo adiantou hoxe o vicepresidente do Centro Cultural José Domínguez Guizán, Xulio Xiz, na presentación deste clásico evento do Nadal galego. Ao acto acudiu a pregoeira desta edición número XXXVIII, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

A propia representante autonómica destacou o “exemplo” que o Belén é “para a nosa sociedade”, xa que é fundamental “conservar as tradicións”. Arias tamén aproveitou para reivindicar “o popular, o rural e o natural”, destacando “todos os valores que existen nas aldeas e nos pobos deste país, que teñen que seguir sendo exemplo para a nosa sociedade, por moi avanzada que estea, por moi global que resulte a nosa contemplación do contorno”. Neste sentido, a delegada sinalou que o Belén de Begonte e todo o movemento cultural e social que hai arredor del é “un gran exemplo vital para todos nós”.

 

 

Esa importancia a nivel social foi destacada tamén por un dos seus organizadores, o párroco da vila chairega, Jesús Domínguez, que considerou necesario que “existan eventos coma este para que se promovan valores humanos, relixiosos e familiares, que contribúan a facer un mundo mellor e mais habitable”.

 

Pola súa banda, outro dos artífices do Belén, o vicepresidente do Centro Cultural José Domínguez Guizán, Xulio Xiz, dixo que un dos obxectivos era “facer patria de Begonte e do `belenismo´”, algo que facían desde “hai 38 anos”.

 

Desta forma, ponse en marcha unha nova edición que tentará atraer a unhas 30.000 ou 40.000 persoas, xa que son as cifras que cada ano se desprazan ata esta vila luguesa para ollar de preto esta obra de artesanía.

 

A inauguración, que terá lugar o vindeiro 5 decembro, comezará ás 18.00 horas no Centro Cultural e ademais do citado pregón de Raquel Arias haberá tempo para un recital de panxoliñas a cargo da Coral de Lugo e da Asociación Xungalu, dirixida por Fernando Gómez Jácome.

 

Os horarios de visita do Belén, en días laborables, é de 15 a 19 horas polas tardes, xa que pola mañá estará dedicada aos colexios. Desde a organización fíxose fincapé da importancia de avisar previamente no teléfono 982 396 121, para non ten que esperar. Na fin de semana o Belén estará aberto de 11 a 13 horas e de 15 a 19. Os grupos de entrada serán dunhas 100 persoas cada cuarto de hora.

 

Certames

 

Outra das actividades ligadas ao Belén de Begonte son os tradicionais certames de Xornalismo, Poesía, Debuxo Infantil e Arte.

 

Aqueles que queiran concursar no premio de Xornalismo terán ata o 6 de xaneiro para presentar os seus traballos. Non hai extensión máxima, pero deben entregar 3 copias dos periódicos onde foron publicados. Igual data de entrega é a do concurso de poesía.

 

Para o apartado de Arte, non hai estilos predefinidos nin disciplinas limitadas, poden concursar obras de pintura, escultura, videocreacións, etc. O requisito é entregalos antes do día de noiteboa, ao igual que os de debuxo infantil.

 

 

Exposición Imaxes do Nadal

Este ano, ademais, o Belén de Begonte terá asociadas unha serie de actividades, como serán o concerto de Nadal do Orfeón Lucense, con Pilocha, Mini e Mero, A Quenlla e Noemí Mazoy, e a exposición “Imaxes do Nadal”.

 

Esta mostra presenta a obra de 10 fotógrafos lucenses, que amosarán a súa particular visión sobre o Nadal. Con esta exposición preténdese difundir a imaxe de Begonte nun tempo tan especial como no que imos a entrar.

Sociedade