O BNG de Guitiriz esixe maior transparencia e celeridade para atender as alegacións ao PXOM

O BNG de Guitiriz esixe maior transparencia e celeridade para atender as alegacións ao PXOM

18 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Xosé Lois González explicou que “desde o BNG de Guitiriz cremos firmemente que unha norma que define o desenvolvemento urbanístico, económico e social do noso Concello debe estar feita dende a transparencia e a participación de tódolos veciños e veciñas”.

 

O BNG faise eco da problemática do plan de ordenación, xa que a cidadanía de Guitiriz amosou cal era a súa postura diante deste Plan Xeral ao presentar máis de 750 alegacións ao mesmo, evidenciando a súa preocupación con aspectos importantísimos coma a delimitación de solo urbano e amosando a súa oposición á exclusión de zonas que anteriormente aparecían coma solo urbano e agora quedaban fóra.

 

Segundo explicou González, “desde o noso grupo municipal recollemos tamén algunhas das demandas dos nosos veciños e veciñas, presentando alegacións a temas importantes coma a falta de consideración do noso potencial agrogandeiro, a delimitación de zonas de reserva de solo público e zonas verdes, a delimitación das Comunidades de Montes ou a inclusión de patrimonio no Plan e o mantemento do solo urbanizable naquelas zonas onde as Normas Subsidiarias vixentes xa o contemplaban, garantindo que ningún veciño perda dereitos coa nova redacción”.

 

Así, desde o BNG de Guitiriz, piden unha contestación ás súas alegacións, logo de seis meses desde a presentación das mesmas sen ter ningunha resposta. Tal e como afirmou Xosé Lois González “demandamos do goberno municipal unha maior celeridade e transparencia na resolución das máis de 750 alegacións presentadas e, sobre todo, unha maior información aos veciños e veciñas que clarifique as súas dúbidas e inquedanzas con respecto ao Plan Xeral”.

Sociedade