O BNG insta ao goberno a buscar solucións para evitar o peche de Leche Pascual en Outeiro de Rei

O BNG insta ao goberno a buscar solucións para evitar o peche de Leche Pascual en Outeiro de Rei

08 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O BNG, por medio dos seus parlamentarios no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila e Francisco Jorquera, rexistrou esta mañá unha iniciativa na que se pide ao Goberno que, en colaboración coa Xunta de Galicia, realice as xestións pertinentes ante a empresa Pascual a fin de buscar as solucións que eviten o peche da planta de transformación de leite de Outeiro de Rei (Lugo).

Na propia iniciativa tamén preguntan ao Goberno se Pascual recibiu subvencións estatais ou europeas para o desenvolvemento da súa actividade na planta luguesa.

 

Para os parlamentarios nacionalistas, “a situación do sector lácteo complícase cada vez máis debido a unha suma de factores que están profundando a grave crise pola que atravesan os gandeiros, e que lles deixan pouca marxe para poder continuar coas súas produccións e poder proxectar o seu futuro”.

Neste sentido, sinalan que “ao problema da caída dos prezos en orixe que está asfixiando a economía dos produtores agora se engaden outros como o peche de plantas transformadoras do leite. É o caso da planta que Pascual posúe en Outeiro de Rei e que leva máis de 15 anos en funcionamento”.

Os deputados do BNG trasladaron ao Goberno a súa preocupación pola perda de postos de traballo que esta decisión conlevará, xa que “non só deixará no paro aos seus 155 traballadores senón que tamén incidirá en moitos empregos indirectos. Nesa liña, explican que “Pascual recollía o leite a máis de 300 explotacións gandeiras o que preocupa aos produtores xa que o excedente de materia prima dispoñible no mercado aumenta, cuestión que precisamente non vai incidir na mellora dos prezos do leite en orixe”.

Sociedade