O BNG propón melloras nas obras dos peiraos de Maniños e Barallobre

O BNG propón melloras nas obras dos peiraos de Maniños e Barallobre

25 de Agosto, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os nacionalistas de Fene presentaron para o seu debate en Pleno unha moción que tenta mellorar os peiraos de Barallobre e Maniños. Na actualidade a reforma das instalacións portuarias atópanse na súa fase final. Desde o Grupo municipal do BNG, logo de recoller as queixas e suxestións de diversos colectivos e persoas, coidan que se deben atender as mesmas  antes de que finalicen os traballos.

As propostas do BNG fenés empezan co número de amarres nos pantaláns novos que é inferior ao número de embarcacións existentes na zona, entre as profesionais e as que teñen un uso de lecer, deportivo ou de pesca sen fin comercial (sétima lista). A rampla de Barallobre pasou a ser de uso privativo dos titulares dos novos pantaláns e a de Maniños mantense aberta pero cun recorte duns 35 m. co que perde calado. As embarcacións que non teñan acceso ao novo pantalán seguirán sen contar con acceso ao calado suficiente todo o ano e ademais tampouco terán acceso á auga potábel e á electricidade.

Por outra banda, afirma o BNG, nas obras construíronse dúas ramplas paralelas ao peirao, pero ambas carecen dun sistema de remolque das embarcacións, facéndose necesario algún tipo de aparello como un carro varadoiro  para facilitar a subida a terra das mesmas tanto para ser arraxadas como para ser trasladadas. Nas procesións marítimas deste verán houbo que desmontar a porta de acceso aos pantaláns, polo que se evidenciou que é necesaria unha reforma para favorecer o acceso aos mesmos nestas celebracións anuais.

Outra necesidade evidente, por razóns de seguridade, é a instalación dun valado de seguridade que evite caídas fortuítas á ribeira. Por último dende o GM do BNG entenden que Portos de Galicia debe axilizar o derrube e a retirada de entullos da parcela da antiga Fondo-mar, e cando menos deixalo como espazo libre en tanto non se defina que tipo de edificio e que usos  se lle van a dar á mesma.

As peticións do BNG ao Pleno de Feneresúmense deste xeito:

1. Realizar un dragado no entorno da rampla de Maniños para obter un calado mínimo que permita o acceso ao mar todo o ano.
2. Instalar un carro de varado de embarcacións nunha das ramplas existentes e dotar á zona de auga e corrente eléctrica.
3. Derrubar as ruínas e desescombrar a parcela ocupada actualmente e polos escombros procedentes das obras de reforma dos peiraos.
4. Mellorar a accesibilidade aos pantaláns de tal xeito que se podan celebrar as  procesións  marítimas en condicións de seguridade.
5. Instalar o valado de seguridade na beira da zona portuaria.
6. Dotar zonas de amarre libre con acceso na rampla de barallobre.

Sociedade