O BNG solicita un convenio para o comezo das obras dos regadíos na Terra Chá

O BNG solicita un convenio para o comezo das obras dos regadíos na Terra Chá

09 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O BNG trasladou ao Parlamento Galego a súa preocupación polo estado das obras de modernización dos regadíos previstos na Terra Chá. A portavoz de Agricultura da formación nacionalista na rúa do Hórreo, Tereixa Paz, foi a encargada de transmitir esta necesidade á Xunta de Galicia e pediu que se axilice a sinatura dun convenio para poder iniciar canto antes a execución das obras destinadas a este fin.

Asemade, demandoulle ao organismo autonómico que “interveña para que a opinión dos regantes sexa determinante á hora de establecer os proxectos e, polo tanto, de fixar os prezos dos regadíos”.

 

A deputada preguntoulle este mediodía no Parlamento Galego ao secretario xeral da Consellaría de Medio Rural sobre os prazos de sinatura do Convenio Marco entre a Xunta, SEIASA e os regantes para a modernización dos regadíos da Terra Chá. Tereixa Paz lembroulle que nos orzamentos da Xunta “existe consignación orzamentaria para executar estas obras, e tamén nos de SEIASA grazas á presión do BNG nas Cortes de Madrid, polo que apremiou á Consellaría de Medio Rural a que “axilice as xestións para que as obras poidan comezar canto antes”.

Paz quixo salientar tamén que a anterior Consellaría do Medio Rural tiña chegado a un acordo coa SEIASA para facilitar que na comisión técnica para a elaboración dos proxectos, estudo de alternativas a adoptar e demais avaliacións técnicas e económicas, xunto co persoal da Consellaría e de SEIASA, participen tamén técnicos designados polas comunidades de regantes, toda vez que unha parte importante do investimento e do posterior mantemento das instalacións recae neles.

Por iso, a deputada do BNG demandoulle ao executivo galego que “asuma ese compromiso cos regantes, de tal xeito que o prezo sexa acordado con eles”.

Sociedade